Con esta instalación búscase mellorar a accesibilidade da cidadanía nas inmediacións da avenida da Concordia, especialmente a das persoas con mobilidade reducida
A alcaldesa da cidade da Coruña, Inés Rey, anunciou este venres a posta en marcha do novo ascensor do barrio dos Castros, xa operativo, que permitirá salvar a elevada pendente existente na avenida da Concordia e mellorar a accesibilidade na zona. As obras para a disposición do ascensor, adxudicadas en novembro do 2020 e que comezaron en marzo deste ano, implicaron un investimento de 402.000 euros por parte do Concello.
A estrutura, que ten unha capacidade máxima para 12 persoas, desembarca nunha ampla marquesiña de 18 metros que se utiliza como parada de autobuses urbanos e interurbanos.
Ademais, o elevador vai montado sobre un bastidor metálico e dispón dun cerramento de vidro que permitirá a vista panorámica da contorna.
Mellora xeral das infraestruturas na avenida da Concordia
O funcionamento do novo ascensor do barrio dos Castros dá continuidade a unha serie de intervencións executadas polo Concello no distrito, onde xa se acometeu o ano pasado a remodelación da praza da Concordia, con 212.000 euros de orzamento para remodelar espazos e pechar a maioría das entradas e mellorar a seguridade dos viandantes.