Friday 22 de November de 2024

A Coruña, primeiro destino de Galicia en aliñar o seu turismo coa Axenda 2030


O Concello iniciou o camiño para a mellora continua de sustentabilidade turística como destino Biosphere, da man do Instituto de Turismo Responsable

O Concello da Coruña convértese no primeiro destino turístico galego en acollerse aos principios recollidos na Axenda 2030. Este venres, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o secretario xeral do Instituto de Turismo Responsable (ITR), Patricio Azcárate Díaz de Losada, asinaron a ‘Carta de Compromiso co Turismo Sustentable’, co obxectivo de promover un novo modelo de desenvolvemento turístico que contribúa de forma efectiva ao mantemento e protección dos bens patrimoniais, culturais e naturais do destino e ao sostemento da actividade económica da empresas do tecido produtivo local.

No evento, a alcaldesa Inés Rey presentou este compromiso como “o inicio dun proceso polo que lograr que A Coruña sexa recoñecida como o primeiro destino en Galicia en obter un recoñecemento internacional de certificación que reflicta os seus esforzos por cumprir cos 17 ODS de Nacións Unidas para construír un destino de calidade, para locais e turistas, garantindo o equilibrio entre o económico, sociocultural e ambiental para dar lugar a un novo modelo de desenvolvemento turístico máis sustentable”.

Así, a pesar de que 2021 foi un ano complicado, marcado por grandes desafíos para facer fronte á crise acontecida pola pandemia mundial da COVID-19, o Concello da Coruña amosa o seu interese e compromiso por lograr o desenvolvemento e crecemento do destino, sendo este evento o seu primeiro paso no camiño cara á súa sustentabilidade e mellora continua.

Coa sinatura deste documento, A Coruña inicia un proceso co que facer efectivo un turismo responsable no destino. De todas as accións levas a cabo ao longo deste proceso, obterá como resultado e recoñecemento a certificación Biosphere Destination; un obxectivo para conseguir ao longo de 2022, constituíndo un distintivo co que garantir o seu compromiso firme por contribuír ao cumprimento dos 17 ODS de Nacións Unidas, no Marco da Axenda 2030.