· ‘La Turballe e Camariñas comparten mesa’, é o nome desta publicación, froito dun traballo conxunto entre ambas localidades e a Asociación La Turballe – Cap Camariñas.
· O libro será presentado publicamente na XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas, coa presenza das persoas que fixeron posible este receitario.
O Concello de Camariñas e o concello francés de La Turballe, apoiados pola Asociación La Turballe – Cap Camariñas, veñen de rematar o libro ‘La Turballe e Camariñas comparten mesa’, onde se recollen as receitas máis tradicionais e tamén as modernas de cada municipio.
Esta publicación é o froito dun traballo conxunto de varias persoas de ambas localidades, que teñen moitos puntos en común como pode ser a paixón pola cociña, consecuencia da alta calidade dos produtos dos seus mares e da súa terra.
Ao longo do receitario o lector poderá coñecer a tradición e a historia de Camariñas e La Turballe a través de receitas, explicadas por veciños e veciñas, que pasaron de xeración en xeración con propostas de sabores que “evocarán lugares, persoas e incluso instantes”.
Algunhas das receitas que poderán atoparse no libro son:
• ‘Paté de sardinas’, por Jacky Trimaud, pescador xubilado de La Turballe.
• ‘Tiras de calamares e tentáculos con manteiga de tomates’, por Xavier Chevallier, Chef do restaurante Le Terminus de La Turballe.
• ‘Jurel empanado con cacahuetes e tartar de tomate, pepino, albahaca e menta’, por Thomas Barreau, especialista en cociña sustentable de La Turballe.
• ‘Fideos fritos con verduras, marisco e algas’, por Maika Campos, cociñeira e xerente do Bar Curbeiro.
• ‘Calamares recheos’, por Dorita García Carril, encaixeira e presidenta de Rendas, de Camariñas.
• ‘Revolto de caviar de ourizo de mar’, por Gemma Pedreira Allo, responsable de producción de Conservas Leticia.
Ademais das receitas de cada territorio poderán atoparse neste libro historias de persoas de ambos municipios, que falan da tradición mariñeira de Camariñas e La Turballe, dunha forma directa e emotiva, co desexo de compartir cos lectores o forte vínculo entre os dous pobos.
Esta publicación, que será presentada publicamente na XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña coa presenza das persoas que a fixeron posible, conta co prólogo da alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua Rial, do alcalde de La Turballe, Didier Cadro, e da presidenta da Asociación La Turballe – Cap Camariñas, Dominique Floc’h.