O Concello de Moeche porá en marcha durante este Nadal unha experiencia piloto que lle ofrecerá na casa ás persoas dependentes que o precisen os servizos gratuítos de podoloxía e peiteado. Trátase dunha iniciativa novidosa que bota a andar como proba e, se ten aceptación, veríase a posibilidade de ampliala ao ano 2022 dentro da carteira de servizos municipais dirixidos a persoas cun grao dependencia recoñecido. As persoas interesadas -ou as súas familias- só terán que solicitarllo á auxiliar do SAF que lles preste apoio na casa ou ben contactar coa Traballadora Social, Cristina Rodríguez, no 981 404 006. Das consultas podolóxicas e da perruquería tanto para mulleres como para homes encargaranse persoas autónomas con sede fiscal e alta no IAE en Moeche que se mostraron dispostas a ofrecer estes servizos a domicilio, cubertos polo Concello con cargo ao financiamento do POS+ Adicional 1 para gasto de tipo social.
Da consulta podolóxica encargarase unha profesional que exerce a súa actividade con sede en Moeche, co obxectivo de vixiar de preto a saúde dos pés de persoas que, na maioría dos casos, teñen unha idade avanzada e unha mobilidade limitada. A podóloga verá o estado xeral e aplicará os tratamentos que sexan necesarios e poida facer en domicilio -uñas, redución de durezas, etc.-, pero a súa visita tamén servirá “para detectar problemas incipientes e recomendar pautas antes de que deriven en cadros máis graves, como poden ser os relacionados coa diabete ou a mala circulación”, explica a alcaldesa, Beatriz Bascoy.
O servizo de peluquería comprende o corte, lavado, peiteado e, no caso dos homes, tamén o afeitado. De igual maneira será un servizo a domicilio do que se ocuparán profesionais que desenvolven a súa actividade no concello de Moeche. “A hixiene e a estética do cabelo ou da barba son cuestións que repercuten a partes iguais na aparencia e na autoestima. Hai persoas dependentes que debido ao seu estado non poden saír da casa ou teñen dificultade para desprazarse cada certo tempo á barbería ou a peluquería e procuran o servizo no domicilio. Por iso desde o Concello decidimos colaborar con este servizo o servizo na casa, e máis de cara ás datas que veñen aí en que todas e todos queren estar ben guapos para as reunións familiares do Nadal”.
A rexedora xa lles remitiu unha carta as persoas posibles usuarias incidindo en que ambos servizos serán de balde durante este Nadal e sen necesidade de moverse da casa. Prestaránselle a persoas que teñen recoñecido un grao de dependencia e asistencia do Servizo de Axuda no Fogar -non para libre concorrencia-, que poderán solicitar calquera deles (ou os dous) dicíndollo ao persoal do SAF que lles vai pola casa, ou ben chamando ao 981 404 006.
Unha vez que o Concello teña a relación de persoas usuarias interesadas farase unha distribución dos domicilios entre as profesionais contratadas en función da súa proximidade xeográfica a cada solicitude. Se a experiencia sae como se agarda, o consistorio ten intención de planificar os servizos para ofrecelos de forma periódica ao longo do 2022, ampliando desta maneira a carteira da axuda domiciliaria a dependentes.
O programa que se levará a cabo de balde este Nadal finánciase cos fondos do POS+ Adicional 1 da Deputación da Coruña para gastos sociais extraordinarios, entre os que se especifican -a maiores do reforzo do SAF- os servizos de perruquería, podoloxía e outros análogos para a súa prestación en domicilio.