Friday 22 de November de 2024

A Xunta abre mañá o prazo para solicitar a axuda para pagar a factura eléctrica


Duplícase a cuantía dos apoios, que chegan a 180 euros para familias con dous o menos fillos e a 300 euros no caso das familias numerosas

A Consellería de Economía e Industria abre mañá o prazo para solicitar a axuda para pagar a factura eléctrica, despois de que a convocatoria para estes apoios fose publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia. Os interesados poderán solicitar estes apoios, que buscan beneficiar aos consumidores máis vulnerables no contexto enerxético actual, ata o vindeiro 30 de abril.
O Goberno galego duplica a cuantía dos apoios aos que se pode optar ao abeiro deste programa. Así, as axudas pasan de 90 a 180 euros anuais para as familias con dous o menos fillos ao seu cargo, e de 120 a 300 euros no caso das familias numerosas. Nesta mesma liña, se fai compatible esta axuda coa RISGA, ampliando a bolsa de potenciais beneficiarios ata os 40.000 fogares.
O tícket galego, sumado ao bono social do Goberno central, permitirá xerar de modo conxunto aforros de ata máis dun 50% no recibo eléctrico dos beneficiarios, que desta volta serán aquelas familias galegas con fillos menores de idade ao seu cargo e cuxos ingresos non superen en 1,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM).
Co fin de chegar ao maior número de familias posible, a orde simplifica os trámites de acceso para presentar as solicitudes, que se farán por vía telemática a través da dirección https://ticketelectrico.xunta.es. Ademais, o interesado poderá dirixirse ás oficinas de calquera das xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria, así como á Dirección Xeral de Enerxía e Minas, e aos Concellos, para que lle tramiten a solicitude.
A orde de axudas terá unha duración dun ano, podendo solicitarse os apoios nesta ocasión para as facturas correspondentes ao segundo semestre de 2014, e con posterioridade, se abrirá un novo prazo para solicitar as axudas correspondentes ao primeiros seis meses de 2015.