Friday 22 de November de 2024

Brión tínguese de negro contra a violencia machista por cuarto ano consecutivo


Aínda quedan prazas para a andaina a prol do bo trato deste sábado

A praza do Concello de Brión acolleu este mediodía a concentración conmemorativa do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, na que participaron unha trintena de persoas. Todas elas levaban camisetas, máscaras, chapas ou calquera outro tipo de prenda incluídas na campaña “Brión en negro”, á que por cuarto ano consecutivo se adheriu o consistorio brionés.

Un acto presidido polo alcalde Pablo Lago Sanmartín e no que a concelleira de Igualdade, Rosa Romero, foi a encargada de dar lectura a un manifesto institucional no que lembrou ás 37 mulleres asasinadas e aos 4 menores asasinados no que vai de ano.

Parakarate

Pero a programación conmemorativa do 25N non remata hoxe. Mañá venres 25 de novembro, de 18:00 a 20:00 horas, Cristy Tojo, campioa europea de Parakarate e experta en autodefensa feminista do Clube Deportivo Avalon Kai, impartirá un Obradoiro de Autodefensa. As mulleres que participan aprenderán recursos e ferramentas psicolóxicas e físicas para afrontar o día a día, con técnicas mentais e físicas coas cales afrontar situacións de violencias machistas, baixo a lei do mínimo esforzo e a máxima eficacia.

Finalmente, o sábado 27 de novembro, ás 10:30 horas, terá lugar a Andaina “A prol do bo trato”, cun percorrido de 10 km con saída e chegada na carballeira de Santa Minia. Antes da saída farase entrega dun agasallo a todas as persoas que participen, así como dun avituallamento para o camiño. Unha andaina para a que aínda quedan algunhas prazas dispoñibles en bea@briondixital.org ou no teléfono 981 50 99 10 (ext 51).