Friday 22 de November de 2024

O alumnado do CPI Antonio Orza de Boqueixón corea o lema: “as mans para loitar, non para ferir. A fala para acariñar, non para anular”


O alcalde, Manuel Fernández Munín, deu lectura a un manifesto no que asegurou que “a vulneración sistemática dos dereitos humanos non pode ter cabida nunha sociedade democrática”

O alumnado do CPI Antonio Orza Couto realizou este mediodía unha concentración en contra da violencia de xénero, na que corearon un dos lemas do CIM de Boqueixón: “as mans para loitar, non para ferir. A fala para acariñar, non para anular”. Unha frase recollida na lona que o alcalde, Manuel Fernández Munín, e a directora do CIM, Cristina Carbajales, achegaron á concentración.

Un alumnado que ao longo do último mes ten participado en distintas actividades de sensibilización contra a violencia de xénero, entre elas varias sesións coas unidades didácticas “Alén loita e acariña”, editadas polo Concello de Boqueixón e que serviron para que o profesorado puidera falar sobre a violencia de xénero desde unha perspectiva próxima ás crianzas.

Pola súa banda, Fernández Munín lembrou que no que vai de ano 37 mulleres foron asasinadas polas súas parellas e ex-parellas, o que suma un total de 1.118 mulleres dende 2003, ano no que se comezaron a contabilizar oficialmente. “Ante esta realidade incontestable non podemos afacernos só a discursos emotivos e indignados sobre a violencia contra as mulleres, nin caer no desánimo pola súa persistencia ou a pasividade fronte a formulacións negacionistas. Hai que falar de solucións e estas pasan por non tolerar a violencia de xénero”, advertiu o alcalde.

Fernández Munín admitiu que “erradicar a violencia contra as mulleres e nenas é unha tarefa complicada, require abordar a desigualdade de xénero que a provoca e que está profundamente arraigada en todos os ámbitos da vida social. É necesario contar coa intervención desde todos os sectores e a nivel individual e colectivo”. Por iso rematou a súa intervención asegurando que “, o Concello de Boqueixón condena a Violencia de xénero e fai un chamamento a toda a sociedade, para que rompan cunha cultura de tolerancia e negación que perpetúa a desigualdade de xénero e a violencia que causa. A vulneración sistemática dos dereitos humanos non pode ter cabida nunha sociedade democrática”.

O acto rematou co reparto de material de sensibilización para toda a rapazada.