Friday 22 de November de 2024

Demolición da nave coñecida como “La Lechera” na parroquia de Artes para crear no seu lugar unha área de descanso e esparcemento


A estrutura fora cedida polo concello hai 30 anos para a creación dunha sociedade agraria de transformación leiteira

Operarios deron comezo na presente semana coa demolición da nave coñecida popularmente como “La Lechera” na parroquia de Artes.

Esta acción incardínase no proxecto de recuperación integral do río Arlés e ten por obxectivo crear no seu emprazamento unha nova área de esparzamento para disfrute de veciños e visitantes, que estará situada xustamente no lugar onde arranca a senda paralela ao cauce fluvial, no punto de confluencia coa estrada DP 71304.

O derrubo desta estrutura, de máis de 30 anos de lonxevidade, contribúe deste xeito a erradicar un exemplo de feísmo no noso concello para ser substituído por un espazo de descaso e esparcemento. Tirando de arquivo histórico, a nave foi cedida polo Concello no mes de decembro do ano 1985 á unha sociedade agraria de transformación leiteira denominada “Leite do Barbanza”, hoxe desaparecida. Aínda con anterioridade xa fora cedida á cámara agraria local co fin de ser empregada como silo-graneiro, se ben parece ser que nunca se lle chegou a dar ese uso.

Operarios especializados están desmontando a cuberta deste edificio. Unha vez demolida, situarase unha zona de ocio cunha decena de prazas de aparcamento, un parque biosaudable con diversas máquinas aptas para calquera idade, espazos verdes, e un espazo de merendeiro con bancos e mesas de madeira.

A execución de recuperación do río Arlés, Artes ou Sanchanás ten un orzamento de 595.205 euros e forma parte do proxecto Riveira Atlántica 2015, cofinanciado nun 70% con fondos europeos FEDER. A empresa Canarga é a entidade adxudicataria.