No 25-N, a alcaldesa da cidade, Inés Rey, recalcou o compromiso do goberno municipal coa sensibilización social e co fin de actuar en idades máis temperás para mudar conductas
O Concello da Coruña reforzou hoxe, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller o seu compromiso coa loita contra a violencia e a súa contribución á sensibilización social coa colaboración de todos as institucións. Así o explicou a alcaldesa da cidade, Inés Rey, durante a lectura do manifesto polo 25-N, levada a cabo esta mañá na explanada do Pazo dos Deportes de Riazor.
Rey, que valorou o impacto do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, así como a recente modificación da lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, instou a traballar máis dende a política municipal para dispoñer os recursos necesarios e abordar a cuestión da violencia machista “dun xeito interdisciplinar, coordinado con outras institucións”.
A alcaldesa apuntou á necesidade de ir máis alá dos marcos legais, fixando o punto de atención nas medidas de prevención dirixidas ao conxunto da cidadanía. Neste sentido, Inés Rey apuntou o obxectivo marcado coa campaña formativa posta en marcha este ano, que abordará a percepción da violencia de xénero por parte da adolescencia e a mocidade. Rey sinalou a necesidade de contar coa opinión dos máis novos, “dándolles voz” e incidindo na necesidade de que se visibilice na súa magnitude o problema existente. De aí o lema da campaña: “Se cres que non existe, fai que non exista. Lidera o cambio”.
Durante a lectura do manifesto da alcaldesa Inés Rey lembrou que “é necesario garantir a igualdade de xénero e os dereitos das mulleres como elemento clave para garantir a recuperación social e económica de todas as persoas a nivel global”, e defendeu, a esta escala, a necesidade de “promover accións consensuadas que garantan a continuidade das políticas dirixidas á eliminación das normas sociais discriminatorias e o reforzo dos programas de prevención e loita contra a violencia de xénero”.
Un 25-N cargado de actos reivindicativos na cidade
Durante a mañá de hoxe, a cidade da Coruña mobilizouse polo 25-N. Ás 10.00, a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, participou nas andainas que partiron dende o Pazo de Deportes de Riazor e A Torre, xunto a usuarios e usuarias das Escolas Deportivas Municipais, con punto de encontro na finca dos Mariño. O traxecto rematou ás 11.15.
Xa ás 11.30, tamén na explanada do Pazo dos Deportes de Riazor, formouse un lazo humano para reivindicar a loita polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Foi nos instantes previos á lectura do manifesto da alcaldesa, Inés Rey, ás 11.45.
Por outra banda, de 11.30 a 13.30 horas e de 16.30 a 18.30, no cruzamento da rúa Nova con Olmos, o Concello da Coruña instalará durante o día de hoxe un espazo informativo no que a cidadanía poderá expresar a súa opinión en materia de igualdade e violencia de xénero a través de diferentes xeitos artísticos: a música, a pintura, a lectura ou a improvisación.
Desde as 18.30 e ata as 20.30 horas, na rúa das Cigarreiras, porase a disposición do público un punto informativo polo 25-N. Será a previa do peche dos actos durante a xornada de hoxe, que concluirán coa actuación de Sophie Simonds e La Otra nos Xardíns de Méndez Núñez, xa ás 21.45. A maiores, o Concello comezará unha campaña en redes sociais fomentando a interacción cidadá para poñer punto e final á violencia de xénero.
A programación do Concello da Coruña continuará ata o 23 de decembro con actos de temática variada, accións en diversos centros educativos da cidade e unha mostra bibliográfica que se levará a cabo nos centros cívicos municipais de Monelos e San Diego