Saturday 16 de November de 2024

A cidade da Coruña, pioneira en Europa co lanzamento dun proxecto que impulsará solucións baseadas na natureza en contornos urbanos


A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, presentou hoxe o proxecto, asociado ao programa Connecting Nature, con financiamento do programa marco Horizonte 2020 da UE

O Concello da Coruña será o pioneiro en Europa co establecemento do primeiro ‘hub’ do programa UrbanByNature do continente. O proxecto, integrado no plan Connecting Nature que financia o Programa Marco Horizonte 2020 da UE, baséase nun intercambio de coñecementos e creación de capacidades que lles permitirá aos gobernos locais de todo o planeta o aproveitamento do potencial da natureza para o desenvolvemento urbano sostible.

O lanzamento do ‘hub’ na cidade herculina levouse a cabo hoxe no Centro Sociocultural Ágora. Esther Fontán, concelleira de Medio Ambiente e Sustentabilidade, amosou a súa satisfacción pola presentación do programa, no que o Concello conta coa colaboración da Universidade da Coruña. “Isto é grazas ao traballo dos nosos técnicos, e á ilusión de moitos coruñeses e coruñesas. Proxectos como as hortas urbanas xa son unha realidade, e agora énchenos de ilusión mirar cara a Europa e a outras cidades nas que poidamos atopar un referente e un apoio neste camiño”, apuntou.

O acto, con participación física e tamén por streaming de expertos/as internacionais, afondou na incorporación das solucións baseadas na natureza (SbN) ás estratexias de cidade, así como na contribución ás axendas urbanas e aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU. Tamén se abordará, na sesión interactiva da tarde (de 15.00 a 16.30 horas), a integración das SbN entre España e Portugal. O evento concluirá coa exposición “A agricultura urbana na cidade da Coruña”, que se inaugurará ás 19.00 horas no Centro Sociocultural Ágora.

Esther Fontán cualificou o lanzamento do ‘hub’ na Coruña como “un reto para todas e todos nós”, e valorou o papel da cidade “intentando ser cabeza na loita contra o cambio climático”. “Fomos duramente castigados por problemas como o afundimento de petroleiros, tamén unha climatoloxía cada vez máis adversa. Que sexamos hoxe a cidade que inicia este paso é unha oportunidade, e queremos estar á altura”, finalizou.

Un proxecto de cooperación a escala global
O programa UrbanByNature, xa lanzado noutros catro centros rexionais repartidos polo mundo (Brasil, Cáucaso, Corea e China), formula un traballo comunitario para avanzar no desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas na natureza e orientadas ás cidades, na ampliación da evidencia científica sobre os beneficios que acheguen este tipo de iniciativas para mellorar a saúde e o benestar da cidadanía e, por último, o impulso da biodiversidade nas urbes.