En conxunto investiranse arredor de 38000 € para substituír canalizacións de fibrocemento por outras de polietileno e para a construción de beirarrúas
O Concello de Ordes continúa co seu proxecto de mellora da rede de abastecemento de auga en diversos puntos do municipio. Dende esta semana as obras estanse a levar a cabo tamén ao longo de toda a praza do Mercado Municipal. Unha fase que se completa con dous tramos nas súas inmediacións, concretamente na rúa do Mercado, de algo máis de 20 e 30 metros cada un deles. En conxunto hai que falar dun investimento aproximado de 38.000 euros para que os veciños e veciñas vexan mellorado o servizo “cada vez que abran a billa”, asegura o edil de Urbanismo Roberto González.
Concretamente estanse a substituír as canalizacións de fibrocemento por outras de polietileno cunha anchura de 90 centímetros. O plan completo abrangue unha ampla área do casco urbano de Ordes, comezando por “aquelas zonas nas que se rexistran máis problemas de abastecemento, sobre todo por mor do material da rede que se está a cambiar. A presión que se alcanza xunto coa humidade constante provoca roturas e filtracións que queremos emendar“, explica González.
Para a realización deste traballo é necesario levantar as beirarrúas para a súa posterior reconstrución, o que será aproveitado polo Concello para a súa mellora”. Por isto o tráfico rodado na praza do mercado municipal estará restrinxido por un período estimado dun mes, aínda que dende o Concello se está acelerando a intervención o máximo posible para lograr reducilo.