Friday 22 de November de 2024

A Coruña reforza a súa aposta pola gastronomía co VI Boucatise e as II Xornadas Territorio Atlántico – Reserva da Biosfera


O Festival do Bocata Gourmet traerá as mellores creacións en forma de bocadillo ao Mercado de San Agustín o 4 e 5 de decembro

As Xornadas Territorio Atlántico ofrecerán propostas gastronómicas con produto quilómetro cero procedentes da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo entre o 6 e o 19 de decembro

O Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, a través do seu presidente e concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, presentou este xoves unha dobre cita gastronómica que se realizará neste mes de decembro co VI Boucatise Festival do Bocata Gourmet e a segunda edición das Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico – Reserva da Biosfera. No acto de presentación tamén participaron o xerente de Turismo, Moisés Jorge Naranjo, e o vicepresidente do Consello de Dirección da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, César Longo Queijo.

“Son dous eventos que nos axudarán a poñer en valor a Dieta Atlántica e a filosofía do produto de proximidade, que farán que tanto a cidadanía coruñesa como as persoas visitantes que veñan nesas datas gocen coas elaboracións e a calidade dos cociñeiros e cociñeiras da nosa cidade “, indicou o concelleiro de Turismo.

Este decembro gastronómico comezará na fin de semana do 4 e 5 coa sexta edición do Festival do Bocata Gourmet: Boucatise. O certame, que busca homenaxear unha das nosas comidas máis populares, fai un percorrido pola gastronomía e materia prima galega da man de recoñecidos/as cociñeiros/as da nosa cidade desde a filosofía “street food” (comida na rúa).

O Festival, que se desenvolverá o sábado e domingo entre as 12.00 h e as 17.00 h no Mercado de San Agustín, contará coas creacións dos establecementos A Parva, La Teresa, Greca Bar, La Conquista, La Cuchara Veggie, La Mansión 1783, Nana Pancha, Restaurante Óvera, Roots e Charlatán. Tamén haberá opcións doces da man de Habaziro e Café Veracruz. Todas as propostas terán un prezo de entre 3 e 6 euros.

Como novidade este ano, ao remate do evento, elixirase o Mellor Bocata Boucatise 2021 e o Mellor Bocata Boucatise 2021 – Maridaxe Estrella Galicia. Elixiranse por votación popular votando cos códigos QR que haberá en cada un dos postos e están dotados cun premio de 500 € cada un. As persoas que participen nas votacións optarán ao sorteo de experiencias gastronómicas nos restaurantes de Boucatise.

Ademais, durante as dúas xornadas haberá diversos showcookings da man de chefs coruñeses nos que se amosarán novidades e se impartirán receitas de cociña, que serán tamén retransmitidos na canle de Youtube de Turismo da Coruña. Para asistir a eles é preciso inscribirse na web do festival. Tamén haberá picadiscos e actividades infantís para amenizar o ambiente.

Xornadas Territorio Atlántico
Por outra parte, a segunda edición das Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico – Reserva da Biosfera buscará, desde o día 6 ata o 19 de decembro, amosar as mellores propostas dos establecementos coruñeses con produtos quilómetro cero da man de produtores da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo.

Neste certame, os establecementos participantes serán 55 Pasos, A Parva, Charlatán, EME Taberna, Vinoteca Jaleo, La Mansión 1783, Millo Orzán, Peculiar, Pracer, Restaurante Óvera, Greca Bar, Taberna 5 Mares, Pablo Gallego e Restaurante Bido.

Durante eses días, os restaurantes ofrecerán na súa carta menús degustación, pratos ou propostas gastronómicas, sempre incluíndo produtos da Reserva de Biosfera. Estas Xornadas ofrecerán unha magnífica oportunidade para gozar da calidade dos nosos alimentos locais e da excelencia das nosas cociñeiras e cociñeiros. Un compromiso coa nosa riqueza agroalimentaria e culinaria máis sustentable e saudable, que pon en valor as empresas, profesionais e pequenos produtores que, día a día, contribúen á identidade gastronómica coruñesa.

“Estes dous importantes eventos supoñen un apoio dende o Concello á hostalería, na liña marcada pola nosa alcaldesa Inés Rey, cara a unha mellor saída da crise sanitaria que pasamos e que tanto sufriu o sector”, indicou Juan Ignacio Borrego.

Para complementar esas xornadas, o pasado martes 16 no Centro de Promoción Agrícola e Gastronómica “Horta Daterra” de Miño realizouse un Encontro Profesional onde produtores da Reserva e hostaleiros coruñeses puideron ter contacto estreito e dar a coñecer os seus produtos. Ademais, durante os vindeiros días haberá sorteos nas redes sociais de Turismo da Coruña para participar nas Xornadas.