― Galicia sitúase xunto a Asturias á cabeza da recuperación turística no acumulado do ano tanto no que se refire a noites como a viaxeiros que escolleron os hoteis galegos no que vai de ano
― Con máis de 5,6 millóns de noites e 2,7 millóns de viaxeiros entre xaneiro e outubro, os hoteis galegos manteñen un comportamento 24 puntos mellor na demanda turística
― O mercado nacional supón case o 60% das noites, liderando o mercado hoteleiro en Galicia con preto de 3,4 millóns de noites, cifra histórica, mentres que o turismo interno supón o 27% e o internacional o 13% entre xaneiro e outubro
Outubro confirmou o excelente ritmo de recuperación da demanda turística en Galicia, segundo os últimos datos achegados polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Con preto de 402.000 viaxeiros aloxados e máis de 754.000 noites, os hoteis galegos pecharon o mes pasado triplicando o dato do ano pasado, o que se traduce nunha recuperación do 95% da demanda turística dos hoteis galegos, 15 puntos mellor que o conxunto do Estado.
O comportamento do sector hoteleiro segue, ademais, situando a Galicia á cabeza da recuperación turística tanto en número de viaxeiros como de noites consumidas nos establecementos hoteleiros galegos no acumulado do ano, de xaneiro a outubro, situando ao noso territorio no segundo posto na comparativa nacional, só superados por Asturias.
Con máis de 5,6 millóns de noites e 2,7 millóns de viaxeiros no que vai de ano, o noso territorio mantén un comportamento 24 puntos mellor na demanda turística e case 16 puntos mellor na chegada de viaxeiros que a media nacional. Por segmentos, o mercado nacional supón case o 60% das noites, liderando o mercado hoteleiro en Galicia con preto de 3,4 millóns de noites, cifra histórica, mentres que o turismo interno supón o 27% e o internacional o 13% do total da demanda entre xaneiro e outubro.
Distribución por provincias
Co 44% nas noites hoteleiras a provincia da Coruña liderou o mercado turístico no mes de outubro, seguido de Pontevedra (35%), Lugo ( 13%) e Ourense (8%). As tarifas hoteleiras, que seguen estando entre as máis baixas do Estado, volveron mellorar este mes, o que contribuíu a seguir incrementando a rendibilidade deste sector, que no mes de outubro facturou algo máis de 27 millóns de euros.