A cita, que non se levou a cabo o ano pasado pola crise sanitaria da covid-19, celebrarase este domingo, 28 de novembro
A carreira popular 5K Leyma Coruña, organizada por CCNorte co patrocinio de Leyma, a colaboración do Concello da Coruña e o Leyma Basquet Coruña, volve á actividade esta fin de semana tras un ano de parón a causa da covid-19. Será este domingo, día 28, a partir das 11.00 horas e co punto de partida no monumento de Breogán, ó pé da Torre de Hércules. Co prazo de inscripción xa pechado, a organización do evento prevé a asistencia de case 1.500 persoas, que coa súa participación aportarán o seu gran de area na loita contra o cancro.
A cita, que promove a realización de actividades saudábeis, busca sensibilizar contra a enfermidade e poñer en relevancia a importancia das donacións orientadas á investigación para combatir a súa mortalidade. A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, estivo hoxe na explanada interior do Pazo dos Deportes de Riazor, no acto de presentación da carreira, que irá en favor da Asociación Española contra o Cancro. “A través desta carreira e andaina preténdese, entre outras cousas, visibilizar a importancia dun estilo de vida saudábel, que engadido aos avances na detección e os tratamentos do cancro, achégannos a un prognóstico cada vez máis esperanzador nesta enfermidade que trastoca a vida do paciente e a do seu entorno”, apuntou Martínez.
A concelleira, que animou á continuidade da carreira nos anos vindeiros e tamén á participación da cidadanía na mesma, instou a manter a cautela coas medidas sanitarias vixentes: “Aínda que estamos moito mellor, é certo que estes días os casos parece que están repuntando. Pido moita responsabilidade para seguir no camiño da recuperación total”.