Friday 22 de November de 2024

A Xunta apoia dous programas integrados de emprego no concello da Laracha e na Asociación Agarimo de Carballo cun investimento de 318.000€


— O delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, informa destas novas iniciativas laborais, que mellorarán a empregabilidade de 200 persoas na comarca de Bergantiños-Costa da Morte

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde da Laracha, José Manuel López, informaron da aprobación do dous programas integrados de emprego para a comarca de Bergantiños-Costa da Morte que mellorarán a empregabilidade de 200 persoas nos concellos da Laracha e Carballo.

Os PIEs outorgados contan cun investimento de 250.000 euros financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade e agarda alcanzar unha inserción laboral de alomenos o 40% entre os seus cen participantes. O seu inicio será inmediato e consistirá en itinerarios curriculares, cursos de formación, mellora das habilidades profesionais e outras medidas laborais durante un período de doce meses ao tempo que contará coa colaboración de varias empresas da contorna.

Trenor destacou que ambos concellos teñen un importante compromiso coa empregabilidade porque levan anos de traxectoria de formación contrastada nesta materia e conseguen importantes niveis de éxito nos diferentes programas de formación que afrontan.

O delegado da Xunta apuntou que “unha das apostas máis importantes da Consellería de Emprego e Igualdade son os programas formativos que, cada vez máis, están orientados a cubrir as demandas reais das empresas das contornas o que permite unha posterior integración laboral máis alta”. Ademais, engadiu que “outra das apostas importantes é complementar a formación con prácticas en empresas para garantir unha inserción real e duradeira no tempo”.

Entre as accións máis importantes da Xunta, que se desenvolven na contorna desta comarca, destacan as Accións Formativas para Desempregados (AFD), que este ano contarán con 42 cursos nesta área cun investimento de 1,7 millóns de euros e os Obradoiros de Emprego, para os que a Xunta reserva outros 1, 7 millóns de euros para a apoiar a celebración de 5 talleres de formación e os Programas Integrados de Emprego.

Neste senso, Trenor lembrou que en total a Xunta investirá na comarca de Bergantiños-Costa da Morte máis de 3,7 millóns de euros nestes tres plans de emprego que permitirán a celebración de 49 cursos de formación para desempregados.