Noutra orde de cousas, o alcalde e outros membros do equipo de goberno reuníronse esta mañá co director xeral de Defensa do Monte da Xunta de Galicia, Manuel Rodríguez, para buscar fórmulas de colaboración entre ambas administracións
A Consellaría do Medio Rural informou onte á tardiña a través dun comunicado de prensa da modificación do alcance territorial do plan de contención da couza guatemalteca da pataca que suporá o regreso das plantacións a San Sadurniño tras case cinco anos de prohibición ininterrompida. O noso concello pasará ser zona tampón, de modo que se poderán poñer patacas desde o momento en que a resolución saia publicada no DOG, aínda que con obriga de declarar as superficies plantadas e a súa localización. A noticia coincide coa celebración esta mañá dunha xuntanza no Concello co director xeral de Defensa do Monte da Xunta, Manuel Rodríguez, para abordar distintas cuestións relacionadas coa xestión forestal no municipio. O encontro arrancou, precisamente, comentando o levantamento das restricións á sementeira de pataca que comezaron en 2017 sendo Rodríguez delegado provincial de Medio Rural e encargado de ofrecer na Casa da Cultura a primeira charla informativa á veciñanza ao respecto dos perigos da praga e das medidas que ía adoptar a Xunta de Galicia para tentar contela.
A decisión de variar o mapa de restricións adoptouse onte pola mañá na Comisión de seguimento da couza guatemalteca. Segundo informa Medio Rural, os datos do trampeo en campo e en explotacións “mostran un avance significativo na contención desta praga de corentena”. Neste sentido a ausencia de capturas do insecto permitirá declarar “totalmente libres desta praga” os concellos coruñeses de Cabanas, A Capela, Fene, Ferrol, Neda, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez, As Somozas, Cee e Fisterra. Na provincia de Lugo, saen da zona demarcada os concellos de Abadín, Muras, Ourol, A Pastoriza, A Pontenova e Riotorto.
Doutra banda, pasan a considerarse zona tampón a totalidade da superficie dos concellos de Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche, Narón, San Sadurniño e Valdoviño. Tamén pasan a esta demarcación as parroquias de Bardullas, Buiturón, Caberta, Couceiro, Frixe, Morquintián, Nemiña, Touriñan e Vilastose, do concello de Muxía; así como unha franxa de 5 km limítrofe cos concellos infestados que afecta a parcelas dos municipios de Camariñas, Dumbría e Vimianzo e ás parroquias de Monteagudo, Barrañán e Armentón, no concello de Arteixo; Rebordaos, Vilela e Noicela, no concello de Carballo; Cabovilaño, Lemaio e Torás, no concello da Laracha; Cariño, Feás, Landoi e Sismundi, no concello de Cariño. Neste último municipio incorpórase a parroquia da Pedra como única zona infestada da comarca na que non se poderá plantar.
Na provincia de Lugo, a zona tampón abrangue os concellos de Alfoz, Barreiros, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove; ademais das parroquias Balboa, Fórnea, Ría de Abres, Sante, Vidal, Villaformán e Villapena, no concello de Trabada.
Ser zona tampón implica que todas as persoas que planten pataca deberán comunicarlle a Medio Rural inmediatamente despois da sementeira -e sempre antes do 1 de abril- todas as parcelas que teñan cultivadas, aínda que sexa só un simple rego. Na comunicación hai que indicar os datos persoais e, sobre todo, a localización exacta das plantacións cos datos SIXPAC do polígono, parcela, recinto, superficie total, superficie sementada e a variedade que se poña no terreo.
O formulario que se deberá cubrir pode descargarse desde esta ligazón e despois haberá que presentalo, preferentemente, a través da Sede Electrónica da Xunta. Tamén se pode imprimir e rexistrar presencialmente no Concello para mandarllo directamente a Medio Rural. No Concello haberá formularios en papel para cubrir á man e, de haber algunha persoa que o precise, tamén se lle axudará co trámite.
A obriga de comunicación tamén deberán cumprila as empresas do municipio que vendan pataca de semente (acceso ao formulario) ademais de levar un rexistro de información das persoas que a merquen. No local destinado a almacén terán que instalar trampas de feromona específica para a captura da Tecia solanivora povolny.
Xuntanza con Manuel Rodríguez
O levantamento da prohibición á planta de pataca no noso concello foi obxecto de comentario nos primeiros minutos da xuntanza mantida esta mañá co director xeral de Defensa do Monte da Xunta de Galicia, Manuel Rodríguez, quen ocupaba o cargo de delegado provincial de Medio Rural en marzo de 2017, cando se prohibiu a sementeira en aplicación da normativa estatal de corentena para erradicar a praga. De feito, Vázquez foi quen ofreceu daquela a información sobre as medidas que se ían adoptar, nun encontro con grande asistencia de veciñas e veciños celebrado na Casa da Cultura.
Porén, malia a coincidencia da noticia, o motivo da xuntanza co director xeral foi abordar posibles vías de colaboración entre o Concello e o seu departamento en materia de xestión forestal. Secundino García e os concelleiros Manolo Beceiro e Tomás García , xunto co técnico de desenvolvemento local Ignacio Fernández, repasaron co director xeral diversas cuestións, entre elas o potencial forestal do noso municipio -un dos que máis madeira produce do norte de Galicia- e as perspectivas que ten o sector.
O Concello e o responsable autonómico acordaron estreitar a colaboración entre as dúas administracións no ámbito da formación e na capacitación forestal -que tamén ten unha alta demanda de profesionais na zona-, ademais de considerar como prioritarias as accións que promovan un cambio de modelo cara á silvicultura activa por parte das propietarias e propietarios, co obxectivo de fomentar plantacións planificadas con criterios técnicos e suficientemente dimensionadas que produzan a madeira de calidade que pide a industria transformadora (cada vez máis interesada nas coníferas, tal e como demostra a repunta de prezos deste tipo de madeira), ademais de ser máis rendibles e estar mellor protexidas do lume.
No encontro desta mañá o Concello tamén solicitou a colaboración da Xunta para asegurar o cumprimento da normativa sobre faixas de protección ao redor de vivendas, vías públicas e equipamentos, así como axuda económica para a mellora do equipamento de roza e mantemento forestal co que conta o consistorio.