Friday 22 de November de 2024

O Concello da Coruña impulsa unha nova edición de Poetas Di(n)versos, referente en España da mellor poesía internacional


O proxecto, de carácter mensual e vixente dende o ano 2009, combina a presenza de poetas galegos e foráneos en encontros abertos e gratuitos para o público

O Centro Sociocultural Ágora acolleu hoxe a presentación da XIII edición do ciclo Poetas Di(n)versos, o único programa estable que acolle, de forma regular en toda España, a autores estranxeiros da lírica. A poeta Yolanda Castaño e a directora da área de Cultura do Concello da Coruña, Bettina Kohlhaas, foron as encargadas de dar a benvida a esta nova quenda de interpretacións.

O proxecto, fundado e dirixido por Castaño dende o ano 2009, pon en valor o compromiso do goberno municipal de Inés Rey co ámbito da cultura e, en particular, a poesía, dispoñendo no Ágora encontros abertos, de unha hora de duración e con acceso gratuito para o público.

A programación, que se estende de outubro a xuño, celébrase mes a mes baixo un formato único: a reunión dun poeta galego xunto a outro do resto do mundo. Xa con anterioridade, en Poetas Di(n)versos contouse coa participación de Premios Nacionais e Premios Pulitzer de Poesía, tamén candidatos ao Nobel, buscando sempre un equilibrio entre a calidade e a diversidade a escala internacional.

A primeira das sesións deste novo ciclo, que se celebrou o pasado 25 de outubro na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, contou coa presenza da escritora galega Luz Campello (Guitiriz, 1966), que no ano 2005 gañou o V Certame Poesía da Irmandade de Centros Galegos de Euskadi, e o poeta albanés Arian Leka (Durrës, 1966), doutor en Ciencia Literaria e investigador da Academia de Estudos Albanolóxicos.

Será o vindeiro luns, 29 de novembro, cando o Auditorio do Ágora acolla a segunda quenda dos encontros de poesía, coa participación do esloveno Aleš Šteger (Ptuj, 1973), con libros traducidos a vinte linguas e Cabaleiro das Artes e das Letras polo goberno de Francia. Xunto a el estará Jesús Castro Yáñez (A Pastoriza, Lugo, 1992), Premio Pérez Parallé 2016 polo seu poemario Os nomes e os himnos, que este mesmo ano publicou Campo de plumas, unha antoloxía de poemas LGBT+ ó longo da historia que Castro se encargou de coordinar e traducir.