Saturday 16 de November de 2024

O Concello rende homenaxe a Martín Ferreiro, concelleiro durante a Segunda República e vítima do nazismo


O primeiro dos actos de lembranza, levado a cabo no salón de plenos de María Pita, afondou nas achegas de Ferreiro á cidade antes do golpe de Estado de xullo do ano 1936

O Concello da Coruña e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) organizaron hoxe unha homenaxe á figura de Martín Ferreiro Álvarez, concelleiro de Obras Públicas no goberno municipal herculino na Segunda República e que faleceu no campo de concentración nazi de Gusen no ano 1941, tras ser deportado.

O acto de lembranza, que comezou ás 11.00 horas no salón de plenos do Concello, centrouse na revisión do papel de Ferreiro como concelleiro na cidade (na que, entre outras cousas, impulsou a creación do actual parque de Santa Margarida) así como na súa traxectoria posterior en defensa da liberdade e o progreso tras opoñerse firmemente ao golpe de Estado de xullo do ano 1936, o que derivou na súa persecución e posterior exilio polas súas conviccións políticas.

O acto contou coas intervencións de Juan Manuel Díaz Villoslada, Concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade; Jesús Celemín Santos, Concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Industria e Emprego, Carmen García-Rodeja, representante da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, o poeta Xulio Valcárcel, o investigador José Manuel López Tuñas, o arquitecto Xosé Lois Martínez; Ángel Vázquez Bregua, sobriño dun deportado que foi compañeiro de Ferreiro; e José Luis Alamán, neto de Martín Ferreiro, que puxo fin ao acto cun emocionado discurso.

“Como concelleiro de obras públicas significa para min unha honra abrir este acto de homenaxe a Martín Ferreiro Álvarez, na súa memoria, e na de todos aqueles que coma el sufriron a vileza e crueldade da intransixencia franquista e da barbarie nazi”, sinalou Juan Díaz Villoslada para abrir o acto. Pola súa banda, Jesús Celemín reiterou o compromiso do goberno de Inés Rey coa Memoria Histórica. “É tarefa das institucións públicas a dignificación de todos aqueles e aquelas que se sacrificaron polos seus ideais, por facer valer dereitos tan fundamentais como o da liberdade, a igualdade e a xustiza”, dixo Celemín.

Os actos de homenaxe proseguirán pola tarde. Ás 17.00 horas, a praza de María Pita será o punto de partida dunha ruta sobre o urbanismo e a arquitectura promovidos nos anos da República, como o mercado de San Agustín ou o quiosco Atalaia. Ferreiro, que foi concelleiro de Obras, impulsou neste período o parque Joaquín Costa, coñecido actualmente como o de Santa Margarida.

Para rematar os actos de homenaxe, a Casa Museo Casares Quiroga acollerá ás 19.00 horas a presentación da biografía sobre Martín Ferreiro e os cambios urbanísticos experimentados pola urbe herculina durante o seu mandato. O libro está editado pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica e cofinanciado pola  Deputación da Coruña.

A figura de Martín Ferreiro, vítima do nazismo
Martín Ferreiro (Cerdedo, Pontevedra, 1892) chegou a Coruña, onde traballou no eido da construción, sendo moi novo. Socio do Casino Republicano dende o ano 1931, comezou ese ano a súa traxectoria política no Partido Republicano Radical-Socialista, sendo elixido concelleiro nas eleccións do 12 de abril que deron paso á Segunda República.

Tras o golpe de Estado do ano 1936 fuxiu da cidade e, despois de agocharse un tempo na súa vila natal, pasou a Portugal e, desde alí, a Francia. Regresou temporalmente á zona republicana ata a caída de Cataluña, integrándose nas Compañías de Traballadores Estranxeiros (CTE) que tomaron parte na defensa do país galo durante a Segunda Guerra Mundial. Capturado polos nazis e tras non ser recoñecido como cidadán español polo goberno de Franco, foi deportado ao campo de concentración de Mauthausen en decembro de 1940. En xaneiro do 1941 foi trasladado ao subcampo de Gusen, onde faleceu en novembro do 1941, vítima das extremas condicións de vida ás que alí foi sometido.

O Goberno municipal que dirixe Inés Rey quixo lembrar os valores vencellados á figura de Martín Ferreiro e tamén o seu legado, comprometido como estaba co avance da cidade e cos dereitos sociais da cidadanía.