O Concello tamén promove outras actividades co gallo do Día Internacional da eliminación da violencia contra das mulleres
A familia Bolecha, creada por Pepe Carreiro, chega por fin ao noso concello para descubrir o noso territorio. Carlos, as xemelgas Loli e Pili, Braulio, Sonia e o pequeno Tatá -ademais de Chispa- levan percorrendo Galicia desde hai máis de vinte anos para viviren unha chea de aventuras coas que entreter e facer que as nenas e nenos máis pequenos interioricen conceptos e valores universais. O Concello de San Sadurniño e máis o autor colaboran na última historia gráfica desta familia tan querida e coñecida pola cativería. O seu título é “Os Bolechas van a San Sadurniño camiñando pola Igualdade” e nela, ademais de dar unha volta por San Sadurniño, tamén nos contarán varias historias que comparten o fío temático da educación en igualdade.
O libro, como non podía ser doutro xeito, presentarase este xoves 25 de novembro encadrado nas actividades con motivo do Día Internacional da eliminación da Violencia contra das mulleres. Entregaranse exemplares nas aulas da rapazada máis pequena do CPI, aínda que serán as crianzas da EIM A Rolada quen primeiro poderán gozar dos debuxos e das historias bolechas.
Pepe Carreiro conectará por videoconferencia coa escola infantil a iso das 10 da mañá para adiantarlles ás nenas e nenos algunhas das aventuras que vivirán os seus personaxes na viaxe por San Sadurniño. Ademais as pequenas e pequenos tamén levarán para a casa cadanseu libriño, coprotagonizado nesta ocasión por Saíme, unha nena de San Sadurniño amiga dos Bolechas que lles fará de guía polo noso concello.
A familia percorrerá lugares que destacan polo patrimonio e pola paisaxe, ao tempo que tentarán emular as fazañas da tataravoa, a bisavoa e a avoa de Saíme, as tres -igual ca ela- mulleres de grande afouteza, tal e como comprobarán Os Bolechas no seu itinerario por San Sadurniño.
“Esta nova aventura dos Bolechas ten todos os alicientes que tanto lle gustan ás nenas e nenos: debuxos moi atraentes, textos moi sinxelos de comprender, incluso para a etapa de preescolar, e aventuras protagonizadas por unha familia que a rapazada coñece ben e coa que vai empatizar moitísimo máis porque esas aventuras van vivilas en lugares recoñecibles do noso concello”, comenta a responsable de Igualdade, Ana Belén Breixo.
A concelleira engade que este novo episodio dos Bolechas ten a virtude de “introducir dunha maneira moi sutil o concepto de igualdade. Era algo que tivemos claro desde o principio e Pepe Carreiro soubo captar a idea. Ás nenas e nenos vailles gustar e seguro que o libro se vai traballar moito na escola e tamén na casa”.
“Os Bolechas van a San Sadurniño camiñando pola Igualdade” é un proxecto do Concello de San Sadurniño subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. O Concello publicou 900 exemplares para a súa distribución gratuíta entre a rapazada do municipio a través do CPI e da EIM A Rolada, aínda que os libros tamén se poderán recoller na Casa do Concello e na Casa da Cultura.
Máis citas do 25N
Ademais da presentación do libro dos Bolechas, a programación co gallo do 25N tamén reserva en San Sadurniño as seguintes citas, que requiren inscrición previa en todos os casos.
A primeira é o sábado á tarde en Lamas -16:30h- coa volta dos obradoiros do programa Tempos para compartir que, nesta ocasión, nos ensinará a facer chaveiros e cunha finalidade solidaria. Só hai 20 prazas dispoñibles, que se irán cubrindo por orde de inscrición dándolle prioridade ás persoas empadroadas en San Sadurniño. Hoxe é o último día para anotarse chamando ao 981 490 027 ext.1 ou no correo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal.
A segunda cita é o domingo pola tarde, a partir das 18:00h, coa proxección na Casa da Cultura do filme “As tres caídas de María Santiso” seguida dun coloquio co seu director e parte do elenco. Tamén fai falla apuntarse chamando ao Concello ou enviando un correo ao mesmo enderezo.
Ademais, desde a área de Igualdade tamén se recorda que seguen compartíndose contidos audiovisuais e materiais educativos a través da web do programa provincial defronte.gal. O último é o espectáculo musical para público infantil “Martiña Soñadora”, dispoñible na canle de youtube do proxecto, que vén sumarse ás palestras das semanas anteriores e ás actividades para a mocidade de Escape Room e Visual Thinking.
Dentro de defronte.gal tamén hai pegatinas, pulseiras e marcapáxinas -que poden recollerse na Casa do Concello- e durante a fin de semana distribuíronse salvamanteis co lema da campaña entre os restaurantes do municipio, que tamén se porán nas mesas do comedor escolar o propio 25N.
Ademais, o Concello tamén lle ofertou ao CPI o obradoiro orientado á adolescencia “Violencia de xénero e novo contexto dixital” para abordar os tipos de violencias que se exercen contra das mozas e mulleres a través dos dispositivos móbiles e as redes sociais. Unha cuestión da que xa se falou hai dous anos nestoutra actividade conducida por Neves Seara e Ana Seijo, que non está de máis recordar.
Por último, e como imaxe simbólica, este ano a Casa do Concello tamén se iluminará coa cor violeta.