Friday 22 de November de 2024

O Bono Turístico inxectou máis de 230.600 euros nesta fin de semana con máis de 1.300 operacións


― A Tarxeta Bono Turístico #QuedamosEnGalicia leva máis de 19.400 compras realizadas para desfrutar de paquetes turísticos ou estancias nos aloxamentos turísticos adheridos

― No que vai de novembro gastáronse case 1M€ e outro 1M€ en outubro, o que supón unha importante inxección económica ao turismo galego durante a tempada baixa

A Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia inxectou máis de 230.000 euros dende o pasado venres ata o domingo a través de máis de 1.300 compras realizadas nos máis de 1.300 aloxamentos adheridos á iniciativa ou os paquetes turísticos dispoñibles comercializados por axencias de viaxes.

O bono turístico converteuse nun apoio fundamental para a reactivación do sector turístico tras meses de paralización por mor da pandemia e supón unha importante inxección económica ao turismo galego, sobre todo na actual tempada baixa contribuíndo á desestacionalización da oferta neste último trimestre do ano.

De feito, no que vai de novembro lévanse consumidos máis de 1 millón de euros, practicamente a mesma contía que en todo outubro. Precisamente estes dous meses son os que rexistraron un maior gasto, aos que lles segue setembro con máis de 560.800 euros.

A Xunta prevé que nas próximas semanas e ata o 15 de decembro, cando remata o prazo para gastar as tarxetas, este programa continúe a mellorar as cifras de ocupación e de rendibilidade do sector turístico, tendo en conta ademais a próxima ponte festiva da Constitución. Xa na ponte do Pilar en outubro se consumiran máis de 282.600 euros e na de Tódolos Santos a comezos de novembro outros 291.400 euros.
O Goberno galego pretende mobilizar este ano no sector turístico galego un total de 7,8 millóns de euros co bono turístico. Trátase dun exemplo do apoio da Xunta ao turismo galego neste Xacobeo co obxectivo de recuperar a confianza dos viaxeiros e fomentar a mensaxe de Galicia como destino seguro. Os beneficiarios corren co 40% do gasto que realicen nos establecementos turísticos galegos, en tanto que a Xunta aporta o 60% restante.