Un espectáculo organizado polo Concello de Brión a tráves de Urdime Propostas Culturais e financiado pola Deputación da Coruña con fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero
Toda a rapazada de educación infantil de Brión desfrutou asistiu á posta en escena de “Soñando inventei”, un espectáculo transformador pola diversidade de xénero posto en escena por María Faltri e Jorge Juncal. O Concello de Brión, coa colaboración de Urdime Propostas Culturais e coa financiación da Deputación da Coruña con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, organizou tres pases deste espectáculo nas escolas unitarias do Ánxeles e Sabaxáns e o CEIP de Pedrouzos.
A concelleira de Igualdade, Rosa Romero, explica que “dende a Área de Igualdade do Concello de Brión apostamos por que os nenos e nenas aprendan dende idades temperás a aceptarse e a quererse, e a fomentar valores como o respecto pola diversidade, que son a base para construír unha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de odio”.
“Soñando inventei” é un espectáculo musical no que, a través da escolla de cancións, se traballa o tema da diversidade e a igualdade de xénero. As cancións que se interpretan forman parte do libro disco “Fantasía coas palabras”, publicado pola editorial Galaxia, e que son interpretadas por María Faltri e Jorge Juncal. Trátase dunha viaxe emocional ao centro dos soños, unha proposta que mestura música e poesía para falar de personaxes femininas que soñan con sentirse en paz e liberar os seus segredos, personaxes que non queren ser xulgadas polo seu aspecto ou identidade, e que queren ser libres para ser elas mesmas e chegar a tocar a lúa. Uns espectáculos que sempre remataron cunha festa rachada chea de lazos de cores a favor da diversidade.