Un total de 23 centros educativos de toda a comunidade participaron no certame; o IES Ramón Penéndez Pidal e o IES Agra do Orzán, da cidade, están entre os gañadores por categorías
O Centro Sociocultural Ágora acolleu este luns a entrega de premios do XII Obradoiro e Concurso Galego de Robótica: A Maxia da Robótica, cita que se celebrou entre os días 15 e 19 de novembro coa participación de 23 centros educativos de toda Galicia e, concretamente, catro situados na cidade da Coruña: o IES Menéndez Pidal; IES Agra do Orzán; IES Salvador de Madariaga; CPR Franciscanos e Fundación Educativa Santo Domingo.
O Goberno municipal que dirixe Inés Rey, representado no acto polo concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín, amosou a súa interese polos proxectos presentados nun concurso orientado a que o alumnado sinta a paixón pola aprendizaxe, execute traballos colaborativos para afrontar, de forma conxunta, a resolución de problemas e, ademais, desenvolva a súa creatividade e talento.
Neste sentido, os centros educativos gañadores por categorías no XII Obradoiro e Concurso Galego de Robótica: A Maxia da Robótica foron:
De 1º a 4º da ESO: CPI de Atios (Valdoviño).
Bacharelato e FP: IES Ramón Menéndez Pidal (A Coruña).
Premio especial do Concello da Coruña: IES Agra do Orzán (A Coruña).
A maiores, o certame abriu as portas a un novo formato, inaugurado este ano, cun concurso de drons no que participaron dous alumnos de cada centro educativo participante no concurso de robótica, cun total de cinco equipos de 1º a 4º da ESO e outros cinco de Bacharelato e FP. Durante a mañá de hoxe, os estudantes traballaron na disposición dos aparatos para facer un voo teledirixido nas instalacións do Centro Sociocultural Ágora, con probas de obstáculos incluidas. Trala exhibición matutina e a posterior avaliación do xurado, anunciouse ós seguintes gañadores:
De 1º a 4º da ESO: CPI de Atios (Valdoviño).
Bacharelato e FP: IES de Brión (Brión).
Esta actividade, financiada polo Concello da Coruña co obxectivo de estimular a creatividade dos participantes, impulsando tamén a formación tecnolóxica entre a xuventude galega, foi promovida por Igaciencia.