Saturday 16 de November de 2024

Fin á quinta edición das Xornadas Micolóxicas


Nesta fin de semana rematou na Pobra a quinta edición das Xornadas Micolóxicas posta en marcha pola Concellaría do Medio Ambiente, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra). O groso do programa concentrouse no 21 de novembro, que comezou cunha visita guiada polo campo da man de Esteban Sinde Stompel, doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e vicepresidente da empresa Hifas da Terra, quen tamén impartiu no día 19 o coloquio Principais fungos micorrícicos comestibles das plantacións forestais galegas e técnicas de inoculación de planta micorrizada, dándolle así continuidade ao conxunto das conferencias iniciadas no día 17 coa charla introdutoria sobre micoloxía.

A xornada do domingo 21 continuou cunha exposición de cogomelos, no mercado municipal, para ver diferentes exemplares e resolver dúbidas; o showcooking e degustación a cargo de Miguel Mosteiro, de GastroLab; e a entrega dos premios ás persoas gañadoras do V Concurso Fotográfico de Micoloxía. A primeira distinción recaeu nunha fotografía da autoría de Sergio Pérez Boullón, a segunda foi parar a unha instantánea tomada por Juan José Romero Vilas e a terceira adxudicouse a unha imaxe de Ramón Carlos Encisa Fraga. Os premios consisten exclusivamente en bonos de compra na plataforma web www.deanshop.es, que suman un total de 600 euros.

Cómpre lembrar que a casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler acolle unha mostra composta por imaxes do certame fotográfico de edicións anteriores, á cal se lle acaban de suma-las cinco imaxes con mellor puntuación da convocatoria deste ano. Permanecerá nas referidas instalacións municipais ata finais de mes. As visitas pódense realizar de luns a venres, en horario de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.