Rematando o mes de novembro, no domingo 28, ás 19.00 horas, chega unha nova cita teatral ao Elma da man de Fulano, Mengano e Citano con Top Manta, que lle trasladará ao público asistente unha serie de historias -actuais, próximas e sorprendentes- nas cales o humor se funde co teatro para crear un espectáculo co cal rir. Divertidas imaxes de transición, intercaladas ao longo de toda a peza, van complementando as escenas ao tempo que se potencia o ritmo narrativo.
O elenco está composto por Suso Pando, Marcos Alonso e Manuel Pombal.
A entrada é de balde e as inscricións débense realizar na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler ou a través do teléfono de contacto 981831545.
Trátase dunha das sete sesións teatrais programadas para o municipio no último trimestre do ano e dirixidas a maiores de 16 anos. Organiza a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.