As empresas poden presentar as súas ofertas ata o 13 de decembro
Moeche, coma todos os concellos rurais de Galicia, ten unha extensa rede de pistas que cómpre manter nas mellores condicións posibles para garantir a seguridade do tráfico. Dentro do programa anual de conservación inclúese a roza regular de gabias e ribazos pensando tamén na seguridade peonil e, máis que nada, na prevención de incendios forestais. Neste momento o departamento de Obras e Servizos conta con dous tractores con cadansúa rozadora mecánica, aínda que unha delas xa “vai acabadiña”, como adoita dicirse, acumulando ultimamente constantes reparacións que supuxeron retrasos no calendario de desbroces. Por esta razón o Concello ten en licitación a merca dun novo apeiro orzamentado nun prezo base de 35.000 euros, xa co IVE, cuxa contía final será asumida integramente con fondos municipais. As empresas interesadas en subministrar a rozadora teñen de prazo até o 13 de decembro para presentar as súas ofertas.
Segundo se explica no prego de prescricións técnicas, a compra deste novo equipamento obedece á necesidade de seguir cumprindo “coas obrigas de control selectivo do combustible forestal”, cualificadas polo Concello como “de gran importancia” de cara a “dificultar o inicio e a propagación do lume e facilitar a defensa dos montes”, xa sexa á beira de estradas e pistas forestais de titulariedade municipal ou no mantemento das faixas de protección arredor de equipamentos públicos.
O prego tamén marca as características técnicas mínimas que deberá cumprir a nova rozadora. A primeira é que terá que ser axeitada para a súa instalación en calquera dos dous tractores municipais -un Deutz-Fahr de 119 cabalos e un Massey-Ferguson de 121-, entendendo por “axeitada” que se adapte ben a eles fisicamente e que, ademais, se axuste á potencia que ambos vehículos son capaces de proporcionar nun réxime de funcionamento equilibrado e eficiente.
En atención aos requirimentos anteriores, o que se lles pide ás empresas do sector é que presenten oferta para a subministración e instalación dunha rozadora de “brazo lateral articulado, telescópico e semiadiantado” cun alcance horizontal -a distancia máxima á que pode operar- comprendido entre os 5,1 e os 5.5 metros e un ancho de corte de entre 1,15 e 1,25 metros mediante coitelas intercambiables e martelos.
Outras características esixidas son un sistema de seguridade contra obstáculos, radiador refrixerante do líquido hidráulico ou que o mecanismo se controle mediante un mando electrónico -un joystick- cuxa montaxe non requira facer modificacións na cabina nin no bastidor. Este último requirimento ten o sentido de que, en principio, a máquina vai instalarse no tractor que ten actualmente a rozadora máis antiga -que se dará de baixa polos elevados custes de mantemento- pero prevendo que poida cambiarse para o outro sen demasiada complicación no caso de que sexa necesario.
A empresa que resulte adxudicataria do contrato tamén deberá ofrecer, como mínimo, o prazo de garantía obrigatorio tanto en pezas como man de obra, ademais da formación sobre o manexo e mantemento da rozadora.
A subministración deste novo equipamento está orzamentada en 35.000 euros, impostos incluídos, que o Concello asumirá con fondos propios. O prazo de presentación de ofertas finaliza ás 23:59h do próximo 13 de decembro.