Friday 22 de November de 2024

O Concello reurbanizará a rúa Mantelería e soterrará en San Andrés os seus colectores do lixo


O proxecto de remodelación deste espazo permitirá crear unha plataforma única e atenderá as demandas de veciños e hostaleiros

O Concello da Coruña acometerá traballos de mellora na rúa Mantelería. A Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade que dirixe Juan Díaz Villoslada levará a cabo labores de remodelación da rúa para crear unha plataforma única e retirará os colectores do lixo, que pasarán a estar soterrados na rúa San Andrés, tal e como está ideado no seu proxecto de humanización.

A reurbanización da rúa Mantelería afectará a 450 metros cadrados. Os arquitectos responsables do proxecto son Juan Pinto Tasende e Julio Besiga. O seu orzamento total é de 179.987,50 euros e está financiado con fondos de Axuda á Rexeneración e Renovación Urbana (ARRU) da Cidade Vella, como o proxecto de mellora do entorno da Fundación Luis Seoane, que xa está adxudicado.

As principais necesidades a satisfacer en Mantelería son o aumento da calidade de materiais da rúa e aumentar os espazos peonís en todo o entorno. O material principal que se empregará será a pedra. Ademais, os colectores do lixo que hai nesta rúa pasarán a estar en San Andrés, onde se soterrarán co futuro proxecto de humanización desta vía.

Con este proxecto o Concello da Coruña quere dar resposta ás reclamacións dos veciños e dos hostaleiros da zona, que pedían unha maior humanización da rúa e se queixaban dos malos olores dos colectores. Os traballos paliarán as deficiencias que co paso dos anos foron aparecendo nos pavimentos e nas instalacións. A rúa Mantelería atopase localizada no ámbito de actuación PEPRI da Cidade Vella e Pescaría.