Friday 22 de November de 2024

Máis de 3,5 millóns de euros para mellorar a imaxe, seguridade e a accesibilidade dos complexos de Elviña I, Sardiñeira e Agra I (A Coruña)


_A empresa adxudicataria -que executará no primeiro ano o 25% dos investimentos, o segundo ano o 35% e o terceiro ano o 40%- poderá incrementar este orzamento de acordo co seu proxecto de xestión.

Tras a autorización do Consello da Xunta para a tramitación do expediente de contratación do contrato para a concesión de servizos da xestión dos complexos deportivos da Fundación Deporte Galego de Elviña I, Sardiñeira e Agra I, localizados no Concello da Coruña, estes veranse beneficiados cun investimento de máis de 3,5 millóns de euros. A empresa adxudicataria -que executará no primeiro ano como mínimo o 25% dos investimentos, o segundo ano o 35% e o terceiro ano o 40%- poderá incrementar este orzamento de acordo co seu proxecto de xestión.

En todos eles, realizaranse intervencións para melloras no uso e seguridade do usuario e traballadores como melloras nos sistemas de protección en caso de incendio, na accesibilidade e uso do complexo, así como a actualización estética e funcional do mesmo. Deste xeito, os complexos mellorarán notablemente o seu aspecto e atractivo para a captación de novos usuarios. Segundo os datos prepandemia, estes centros daban cobertura a uns 15.000 abonados.

Ademais, no complexo deportivo Agra I, executado a principios dos 90, realizaranse melloras nos peches da piscina, nos sistemas de climatización, electricidade e iluminación, fontanería, auga quente sanitaria de piscina e ximnasio e melloras no grupo electróxeno. Estas actuacións terán un importe de máis de 301.500 euros.

No complexo deportivo de Elviña I, un conxunto de edificios executados en diferentes épocas sendo o máis recente dos anos 90, realizaranse traballos de conservación e reparación das estruturas de madeira, substitución dos elementos de cuberta e mantemento na tarima do Edificio 1; actuacións na piscina, vestiarios, salas de usos varios e instalacións, así como un novo peche acristalado na piscina no Edificio 4; e intervencións nas bancadas do campo de fútbol, vestiarios e almacéns, traballos de conservación e reparación nas estruturas de madeira laminada e de formigón, nova cuberta, substitución dos paneis transparentes de peche da galería de acceso e novos traballos que aseguren a estanquidade do conxunto. Ademais tamén se realizarán melloras no grupo electróxeno, no sistema de climatización da piscina, vestiario e sala de fitness, sistema de ventilación y extracción, sistema de instalación de electricidade e iluminación, sistema de filtración e sistema de fontanería e auga quente sanitaria en varios edificios. En total, o orzamento destas intervencións achegarase aos 1,5 millóns de euros.

No caso do complexo deportivo de Sardiñeira, conservación e reparación das estruturas de madeira laminada e novo peche acristalado na piscina do Edificio 2, así como traballos de conservación e reparación na estrutura de aceiro da cuberta, substitución dos elementos de cuberta e conservación e mantemento na tarima de madeira, recuperando tras moitos anos o uso do Edificio 3 onde está o pavillón polideportivo. Ademais tamén se realizarán melloras no grupo electróxeno, no sistema de climatización, sistema de ventilación y extracción, sistema de instalación de electricidade e iluminación, sistema de filtración e sistema de fontanería e auga quente sanitaria e sistema de saneamento do complexo. O investimento nestas actuacións será de 710.000 euros.

Cómpre salientar que dentro destas actuacións, levarase a cabo o cambio de céspede artificial do campo de fútbol de Elviña, unha actuación moi agardada polos deportistas da Coruña. Ademais a estes gastos hai que sumar os investimentos obrigatorios en equipamentos e mobiliario como equipamento deportivo, de botiquín, de vestiarios, de limpeza e mantemento, mobiliario, software de xestión, control de accesos e equipos informáticos por un total de 405.000 euros.