Friday 22 de November de 2024

O Concello recoñece cos premios Prisma os mellores traballos de difusión da cultura científica


O goberno local destaca o labor de diferentes prefesionais da divulgación científica durante o último ano nun acto no que se lembrou a figura de Paco Franco como grande impulsor do Aquarium Finisterrae

O Concello da Coruña acolleu hoxe a entrega dos Prisma de Bronce que poñen o broche de ouro á celebración da Semana da Ciencia. O concelleiro de Educación e Memoria Histórica, Jesús Celemín, presidiu a cerimonia no salón de plenos de María Pita e destacou o éxito destas xornadas, nas que se esgotaron os convites para visitar os Museos Científicos Coruñeses.

Os premios Prisma Casa das Ciencias son un recoñecemento ao labor das persoas que dende o xornalismo, a divulgación e a comunicación contribúen a promover a cultura científica na sociedade, axudando a que a cidadanía teña acceso aos fundamentos e implicacións dos avances científicos e tecnolóxicos.

Os traballos gañadores desta convocatoria abordan diversos temas científicos de plena actualidade, como o cambio climático ou a investigación sobre a COVID-19, pero tamén cómpre destacar a variedade e innovación nos formatos que reflicten a constante evolución destas profesións. O xurado estivo presidido polo xornalista científico de Materia – El País, Javier Salas Quesada. Tamén formaron parte del Mila Méndez Otero, xornalista de La Voz de Galicia; Cintia Refojo Seronero, xefa de unidade de Educación Científica na Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología; Estíbaliz Espinosa Río, socióloga, escritora e divulgadora científica; Anxo Vidal Figueroa, investigador na Universidade de Santiago de Compostela; e Cristina Sáez Torres, xornalista especializada en divulgación científica. Marcos Pérez Maldonado, director dos Museos Científicos Coruñeses, foi o secretario e encargado de nomear os diferentes gañadores.

Jesús Celemín quixo destacar a relevancia da ciencia co exemplo da volta á presencialidade que este ano permitiu organizar de novo a gala en María Pita. “É moi emocionante volver a estar aquí, neste salón de plenos, entregando os premios Prisma. O pasado ano a pandemia privounos deste acto, pero deunos unha importante lección: a ciencia e a investigación son de grande importancia para a nosa sociedade”, apuntou o concelleiro.

O goberno local, representado por Celemín, tamén tivo palabras de lembranza para Paco Franco, director técnico do Aquarium Finisterrae, recentemente falecido. “Foi unha persoa esencial para a comunidade científica coruñesa e responsable principal de que o Aquarium sexa un dos principais museos do mundo mariño. A ciencia e a divulgación da Coruña perderon unha das súas grandes figuras”, sinalou.

Estes foron os traballos gañadores das oito categorías:

● Mellor traballo en vídeo: ‘The melting point’, de Phorus Producciones. O xurado destacou a calidade desta produción que aborda un tema urxente con rigor e emoción e unha coidada factura visual. O documental trata sobre a expedición dun equipo científico aos glaciares dos Pirineos para analizar o seu estado e a posibilidade de que desaparezan definitivamente polo desxeo orixinado polo quecemento global.

● Mellor novo medio: The Conversation España, por levar a voz da comunidade científica ao gran público nun formato accesible e sempre pendente da actualidade.
The Conversation é unha plataforma dixital centrada na análise de temas de interese público a través de artigos de divulgación baseados en evidencias científicas e asinados por profesionais de institucións académicas e científicas.

● Mellor texto inédito: ‘Pioneras en geología’, de Guiomar Calvo Sevillano, por rescatar a historia das mulleres que contribuíron ao progreso da xeoloxía nun exhaustivo traballo de investigación. Neste texto o autor dá a coñecer a 52 mulleres nadas antes de 1950 que tentaron abrirse camiño no campo da xeoloxía, algunhas como colaboradoras, outras con importantes contribucións.

● Mellor libro editado: ‘Esto no estaba en mi libro de botánica’, de Rosa Porcel en Editorial Guadalmazán, por trasladar a súa paixón pola vida das plantas nun relato fascinante, cun estilo desenfadado e sen renunciar ao rigor. Neste libro a autora fai un percorrido pola historia das plantas para coñecer como influíron na nosa cultura, como se alimentan, como viven, como se relacionan e que mecanismos teñen para defenderse ou adaptarse á contorna.

● Mellor artigo xornalístico: ‘El año de la ciencia’, publicado en El País por Patricia Fernández de Lis, por ser unha lúcida reportaxe que analiza con solidez e da man dosseus protagonistas as complexas relacións entre ciencia e sociedade nun ano excepcional. Unha reportaxe que lles rende homenaxe aos científicos e científicas que, co seu traballo, nos salvaron da pandemia, pois nunca antes na historia se logrou unha vacina en tan pouco tempo.

● Mellor traballo en radio: ‘Las científicas del coronavirus, retratos sonoros de una pandemia’, de Nuria Jar Benabarre para Agencia SINC, por ofrecer unha equilibrada mestura de crónica persoal e información sobre o traballo das mulleres investigadoras durante a pandemia, a través dun podcast narrativo de ciencia.

● Mellor proxecto singular: ‘Odour Collet’, de Rosa Arias, un proxecto desenvolvido en múltiples formatos, tanto presenciais como en liña. O xurado destacou a súa orixinalidade abordando un problema de contaminación pouco visible coas ferramentas da ciencia cidadá. O seu obxectivo principal é utilizar o mellor dos sensores, o nariz humano, para achegar datos que poidan poñer sobre o mapa o problema da contaminación odorífera.
Ademais, o xurado decidiu outorgarlle o Prisma Especial do Xurado a José Manuel López Nicolás, polo seu activo compromiso coa divulgación científica a través de múltiples formatos.

Tamén se decidiu outorgar as seguintes mencións honoríficas: na modalidade de artigo xornalístico: ‘La zona muerta’, de Laura González de Rivera, publicado en Muy Interesante.
Na modalidade de proxecto singular: ‘Cuéntame cómo dedicarme a la ciencia’, de Xiomara Cantera Arranz para o Museo Nacional de Ciencias Naturales – CSIC.