— Estes novos espazos, deseñados para aumentar as posibilidades de éxito de proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento, situaranse en Santiago de Compostela e nas comarcas de Ferrolterra e A Costa da Morte
— Son impulsados pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en colaboración coa EOI
A Xunta de Galicia activará, no primeiro trimestre do vindeiro ano, tres novos espazos coworkings na provincia da Coruña. Este tipo de lugares de traballo, destinados a emprendedores e que contemplan no seu conxunto distintas actividades e asesoramento, están deseñados para aumentar as posibilidades de éxito de proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento, e teñen permitido ata o de agora impulsar 160 iniciativas emprendedoras na provincia.
Os novos espazos coworkings, que desenvolve a Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través do Igape e en colaboración coa Escuela de Organización Industrial (EOI), situaranse en Santiago de Compostela e nas comarcas de Ferrolterra (con sede en Ferrol) e da Costa da Morte (con sede en Cabana de Bergantiños), tendo como obxectivo principal que os emprendedores poidan poñer en marcha os seus proxectos empresariais.
Neste sentido, os coworkings, máis alá do propio espazo, ofrecen aos participantes un mentor individual para o seu proxecto, que os acompañará no deseño de modelo de negocio; formación específica, mediante talleres prácticos centrados en temas de interese; e distintos eventos, como xornadas de networking ou encontros con actores sociais e económicos relevantes.
Os novos espazos configuran, así, un lugar de traballo colaborativo posto a disposición dos concellos de Santiago, Ferrol e Cabana de Bergantiños, favorecendo o impulso de zonas rurais ao achegarse un programa de alto valor engadido a estas contornas.
Estes espazos empregaranse varias veces por semana, para as sesións de formación e para as titorías co mentor, tendo así flexibilidade suficiente para adaptarse ás posibilidades que poida ofrecer o Concello. Cada edición do coworking terá unha duración aproximada de entre 5 e 6 meses.
Esta iniciativa enmárcase dentro da rede de aceleradoras que apoia o Goberno galego e da que forman parten programas como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future, Connecting For Good Galicia ou as business factories vinculadas á industria da automoción (BFAuto), o sector agroalimentario (BFFood) e o aeroespacial (BFAero).