O Concello apoia con este acordo o deporte náutico e, de xeito especial, as aspiracións da regatista de competir nos Xogos Olímpicos de 2016 en Río de Janeiro
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, asinou esta tarde un convenio de patrocinio con Sofía Toro, única deportista coruñesa que conseguiu unha medalla de ouro olímpica. Con este acordo de colaboración, a regatista promoverá os actos que conmemoran o 120 aniversario da primeira exposición de Pablo Picasso na cidade, que tivo en lugar na rúa Real, e ao mesmo tempo supón unha achega económica importante para a deportista no seu obxectivo de representar a España nos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro que se disputarán o próximo ano.
“A Coruña está de parabén porque conta co apoio de Sofía Touro, única coruñesa medallista de ouro olímpica, para a difusión dePicasso e da exposición El primeiro Picasso. A Coruña 2015”, asegurou o alcalde, quen tamén destacou que con este convenio de colaboración o Concello ofrece o seu apoio ao deporte coruñés e a Sofía Touro en particular para participar nos Xogos Olímpicos de 2016 en Río de Janeiro. Deste xeito, grazas a este patrocinio, o Concello da Coruña, a través da Fundación Emalcsa, ademais de difundir o evento cultural A Coruña 2015 -120 anos despois, contribúe á promoción do deporte náutico e apoia os deportistas de alto nivel que son embaixadores da cidade en todo o mundo.
Sofía Touro, acompañada da súa compañeira Laura Sarasola, coa que ten o obxectivo de competir con éxito nos Xogos Olímpicos do próximo ano, agradeceu ao alcalde este acordo de colaboración que lles permitirá seguir adiante para “chegar o máis lonxe posible” nas súas aspiracións deportivas. Sofía Touro competirá nos próximos meses co Coruña 2015 en Palma de Mallorca (ArealTraining Camp e Torneo Princesa Sofía), na Semana Olímpica francesa (Hyeres, Francia), no Campionato de Europa en Dinamarca e no Campionato do Mundo en Israel.