Friday 22 de November de 2024

A rapazada de Moeche ratifica o seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU


O salón de sesións municipal acolleu este mediodía o pleno do Consello Local da Infancia e a Adolescencia

Este sábado 20 de novembro está marcado no calendario como Día Internacional da Infancia. Unha data para reivindicar, máis aínda se cabe, os dereitos das nenas e nenos de todo o mundo a unha vida plena de dereitos, entre os que agora cobra forza o de que as persoas adultas fagamos o posible por deixarlles un planeta sostible e con futuro. Esa foi a mensaxe que tinguiu o pleno do Consello Local da Infancia e a Adolescencia celebrado este mediodía na Casa do Concello, con representación dos grupos municipais, do profesorado, da ANPA, das nais e pais que forman parte do propio CLIA e do alumnado de 5º e 6º do CEIP San Ramón, quen expuxeron os traballos realizados por toda a escola con motivo do 20-N seguindo a proposta de UNICEF denominada “Liga pola Terra”.

Dentro desta iniciativa, a rapazada debía debater nas aulas e formular ideas sobre como mellorar o ambiente tomando como punto de partida algúns dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Segundo comenta un dos mestres do centro, Abel Muíño, “cada aula escolleu un dos ODS e adaptouno a cada idade”, de maneira que a cativería máis pequena fixo debuxos e leu contos, mentres que a de maior idade traballou dunha maneira máis fonda na análise do seu entorno inmediato e nas maneiras en que tanto elas e eles como as persoas adultas poden contribuír a frear o deterioramento da Terra.

Na aula de 3 anos elixiron o Obxectivo 13, o de combater o cambio climático, reciclando os envases da merenda para convertelos en abellas de xoguete. En 1º e 2º de Primaria escolleron ese mesmo ODS: debateron sobre el, pensaron as pequenas accións que se poden poñer en práctica todos os días para frear o quecemento global e, como resultado, fixeron un mural, un xogo do 3 en raia e un LEGO para brincar e celebrar o seu compromiso co planeta.

No caso da aula de 4 e 5 anos optaron polo ODS 6 (Auga e saneamento) concienciándose sobre a necesidade de coidar “cada pinga de auga” lendo o conto da pomba Pétala, de Pep Bruno e Luziano Lozano.

Pola súa banda, 3º e 4º de Primaria abordou o Obxectivo 7, Enerxía asequible e non contaminante, facendo un mural coas ideas previas que tiñan, a actividade que levaro a cabo e as conclusións ás que chegaron e, para iso, mesmo construíron en grupos tres fornos solares utilizando caixas de zapatos, papel de aluminio, papel film e cartolina negra.

Por último, as mocetas e mocetes de 5º e 6º traballaron sobre o ODS 15, relativo á vida dos ecosistemas terrestres, cun exhaustivo traballo de campo no que saíron fotografar distintos espazos próximos ao colexio -os arredores do pavillón e a Casa do Concello- para comparar as imaxes actuais con outras antigas que elas e eles recopilaron. Coa información recollida e as imaxes armaron logo unha presentación dixital que hoxe tamén se puido ver no pleno.

A experiencia serviulles para catalogar a flora e a fauna da zona, pero tamén para facerse unha idea de canto cambiou Moeche nos últimos anos, sinalando entre outras mudanzas a desaparición de especies autóctonas ou a “invasión” de eucaliptos, alén da perda de elementos patrimoniais de grande valor como as antigas casetas da feira. A presentación complementouse cunha breve referenza ao traballo que fixeron o curso pasado en relación co ambiente, cando colaboraron co CEIDA na recollida de lixo nunha praia de Oleiros, onde conseguiron retirar do medio uns 100 quilos de refugallos contaminantes.

A alcaldesa, Beatriz Bascoy, agradeceulles ás cativas e aos cativos e ao profesorado o traballo feito e o compromiso demostrado co ambiente a través destas actividades. “Grazas ao profesorado e a Abel (Muíño). É un traballo moi bo que nos fixo recordar como era antes este concello e como é agora, coas cousas boas e malas”, dixo Bascoy antes de cederlle a palabra a Emily, unha das rapazas do CLIA, para que lese o manifesto que a infancia e a adolescencia de Moeche levou ao atril do Parlamento de Galicia hai tan só uns días.

O escrito demanda que as persoas adultas “tomen en serio” o problema ambiental e que os gobernos “actúen” establecendo un maior control sobre as empresas contaminantes. A cativería e a mocidade modestina piden tamén a redución de plásticos e a súa substitución “por materias primas sostibles” e solicita que se promovan campañas de sensibilización, incidindo en que “o Ser humano non é superior” e que, polo tanto, “non pode facer o que queira” co planeta.

Canda as peticións dirixidas a gobernos e persoas adultas en xeral, a adolescencia e a infancia de Moeche “como rapaces preocupados polo medio ambiente” tamén adquire compromisos: falar do problema, concienciar ás persoas do seu arredor, organizar “quedadas” en grupo para limpar zonas afectadas pola contaminación e, principalmente, “prometemos reciclar e facer un bo uso das papeleiras, non tirar lixo para preservar o noso entorno”.

Trala lectura do manifesto a alcaldesa recordoulles aos pequenos e pequenas que este sábado 20 de novembro a Casa do Concello estará iluminada de azul para conmemorar o Día Internacional da Infancia. Unha data que, segundo Bascoy “non só é para que as persoas adultas teñamos en conta que hai que escoitarvos e actuar sempre en beneficio voso, tamén é un día para recordar que hai moitas nenas e nenos con moitos problemas, que viven situacións moi negativas, con problemas na familia, con enfermidades, en países onde ás veces é difícil ata comer. Convén non esquecer iso. Temos que pensar en nós, pero tamén temos que pensar en quen non está tan ben coma nós”. “Sodes un orgullo para o Concello e para min como alcaldesa”, dixo Beatriz Bascoy.

Na sesión plenaria do CLIA aprobouse a acta do encontro anterior -celebrado en outubro- e Beatriz Bascoy tamén lles avanzou ás nenas e nenos que en 2022 se fan os catro anos desde que Moeche foi designado Concello Amigo da Infancia e que, chegado o momento, será necesario ter preparado o II Plan da Infancia no que se analicen os obxectivos cumpridos e se marquen outros novos coa finalidade de seguir implicando a rapazada na toma de decisións. A aprobación do plan é imprescindible para poder revalidar a distinción internacional concedida por UNICEF en 2018.