Tuesday 03 de December de 2024

A CMAT busca a certificación ‘Destino Starlight’ para o xeodestino da Costa da Morte


_Costa da Morte Asociación Turística presentará no 2022 a proposta para lograr o marchamo que acredite a este territorio como referencia en turismo astronómico

_A presidenta da CMAT, Mónica Rodríguez, trasladou hoxe nunha xornada técnica celebrada no Concello de Vimianzo ás administracións municipais, sector turístico e poboación local a “idoneidade” da zona para apostar polo turismo vinculado aos ceos

_O astroturismo axústase aos obxectivos do Plan Estratéxico de Turismo da Costa da Morte: “Implicar a todo o territorio, diversificar a oferta e desestacionalizar a demanda”

Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) pon en marcha desde xa todos os traballos necesarios para tramitar a certificación Destino Starlihgt para o xeodestino da Costa da Morte, integrando os 17 concellos (Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas) que forman parte deste territorio. Así llo trasladou hoxe a CMAT, que preside Mónica Rodríguez Ordóñez, nunha xornada técnica celebrada na Casa da Cultura de Vimianzo aos concellos, aos actores do sector turístico e á poboación local. Todos los protagonistas foron receptivos a esta iniciativa. A presidenta da CMAT, Mónica Rodríguez, tamén alcaldesa de Vimianzo, explicou hoxe que as accións para conseguir a certificación que concede a Fundación Starlight “formalizaránse no primeiro semestre de 2022”. A xunta directiva de Costa da Morte Asociación Turística está convencida de que o seu territorio conta coa “idoneidade” para incorporarse ao astroturismo ou turismo de estrelas, tal e como certificaron hoxe os expertos presentes no encontro convocado en Vimianzo pola CMAT. “Pedimos a implicación de todos os axentes que participan no sector turístico da Costa da Morte, sexan do eido público ou privado, para acadar o obxectivo: obter a cerfiticación Destino Starlight”, indicou a presidenta da Costa de Morte Asociación Turística.

Que significa Destino Starlight? A Fundación Starlight é a que promove e certifica a través dunha auditoría o Destino Starlight, un marchamo que acredita que un territorio conta cunha excelente calidade do ceo e que traballa e se preocupa pola súa protección e conservación. O certificado conta co aval da UNESCO e co apoio da Organización Mundial do Turismo (UNWTO) e da Unión Astronómica Internacional (IAU). E aúna ciencia e turismo, aproveitando a astronomía e a observación do firmamento para promocionar unha nova forma de turismo sostible. O Destino Starlight debe tamén contar con adecuadas infraestruturas e actividades relacionadas coa oferta turística y a súa integración na natureza nocturna

Que é preciso para obter a certificación? A calidade do ceo e o primeiro requisito. E se teñen en conta a escasa contaminación lumínica, a claridade do ceo, a transparencia do aire e os ceos despexados. Tamén se valoran accións medioambientais para protexer o ceo nocturno e os produtos e a oferta turística vinculada ao turismo de estrelas.

A xunta directiva de Costa da Morte Asociación Turística trasladou onte na Casa da Cultura de Vimianzo aos 17 concellos que forman o territorio da Costa da Morte, aos axentes turísticos e aos veciños e veciñas o proxecto de lograr a certificación Destino Starlight. Mónica Rodríguez lembrou que a última asemblea de CMAT “apostou por traballar en proxectos que implicasen á meirande parte do territorio, apoiándose nas singularidades e nos elementos naturais e culturais comúns aos municipios que conforman o destino Costa da Morte”. A xuizo da presidenta da CMAT, a iniciativa para obter a certificación Destino Starlight “é coherente con Plan Estratéxico de Turismo da Costa da Morte”, elaborado pola propia CMAT, porque “axuda a acadar os seus obxectivos, axustándose á perfección no bloque de producto turístico Naturalmente salvaxe, que artella a oferta turística vinculada a valores naturais, agrestes e casi virxes do destino”.

A presidenta da CMAT, que prefire ser cauta e non facer estimacións de cando podería chegar a certificación, está convencida de que este novo proxecto “potenciará a Costa da Morte, un territorio que conta con lugares especiais para disfrutar da observación do ceo e as estrelas”. E lembra que a asociación que preside “impulsará sempre proxectos que estean en consonancia co seu plan, que sexan representativos do territorio e que contribúan tanto á diversificación da oferta turística como á desestacionalidade da demanda”, como, neste caso, sería o caso do Destino Starlight, que “une turismo e ciencia”.

A implicación conxunta de todos

A xornada técnica que acolleu o Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo foi intensa. Por que convocou a CMAT ás administracións locais da Costa da Morte, aos actores do sector turístico e á poboación local? Mónica Rodríguez ten a resposta: “Porque queremos facer partícipes deste proxecto a todos os concellos do noso territorio, aos representantes das iniciativas túrísticas que traballan e apostan pola Costa da Morte e a todos os nosos veciños e veciñas. O éxito do proxecto “require da implicación conxunta de iniciativa pública e privada do noso sector turístico”, dixo.

Mónica Rodríguez Ordóñez foi a encargada de dar a benvida e abrir a xornada técnica Costa da Morte Destino StarLight. Jorge Mira Pérez, catedrático do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, presentou os obxectivos e o programa, que iniciou Ana Teresa Cimas Hernando, xefa da Área Provincial Turismo de Galicia. Falou dos Destinos Starlight en Galicia. A comunidade galega conta a día de hoxe con dous Destinos Starlight: Trevinca e o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Posteriormente foi emitido un vídeo presentación da Fundación Starlight que explicaba que é un Destino Turístico Starlight e cales son os seus obxectivos e oportunidades. De seguido falou Ana Ulla Miguel, profesora de Astronomía e Astrofisica da Universidade de Vigo e que abordou o Procedemento e avaliación da acreditación como destino Starlight. A última intervención correu a cargo de Salvador Bará Viñas, profesor de Óptica da Universidade de Santiago de Compostela, e que explicou Por que paga a pena reducir a contaminación luminosa? Pechou a xornada técnica Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña. Ao finalizar o acto os asistentes tiveron un espazo de networking distendido no hall do Auditorio, no que todos os participantes puideron debater e dialogar sobre o proxecto e o futuro promotedor da Costa da Morte, que tras os seis anos de traxectoria da CMAT xa recolle froitos dun traballo profesional e continuado.