Friday 22 de November de 2024

O Concello de Boqueixón convoca “Educar en familia”, catro talleres gratuítos para nais e pais sobre a educación baseada no respecto mutuo


O Concello de Boqueixón convoca «Educar en familia», un programa educativo que inclúe catro obradoiros gratuítos e mensuais para pais e nais. Uns talleres que terán lugar no CPI Antonio Orza Couto, en horario de 16:00 a 18:00 horas, entre novembro e febreiro de 2022. A asistencia é de balde, se ben é preciso inscribirse no Departamento de Cultura, no 981 513 115 ou no mail cultura@boqueixon.com.

O curso arrincará o próximo venres 26 de novembro coa sesión “Intelixencia emocional real. Autoestima e motivación”, impartida por María Soto, de Educa Bonito. Durante os obradoiros, María Soto ensinaralle ás familias participantes unha serie de ferramentas para unha educación consciente e responsable dos seus fillos e fillas. Unha educación baseada no respecto mutuo entre pais/nais e fillas/fillos.

Para o 10 de decembro está programada unha segunda sesión: “Que son os malos comportamento e como traballar para evitalos”. Con 2022 chegarán dous obradoiros máis: “Como poñer límites sen necesidade de castigos ou premios” (28 de xaneiro) e “Celos, pelexas, bullying… ferramentas básicas” (25 de febreiro).

O Concello de Boqueixón ofrecerá servizo de gardería aos pais e nais participantes. Os obradoiros estarán dirixidos por María Soto, do proxecto Educa Bonito. que defende unha disciplina positiva á hora de educar ás crianzas, apostando pola comunicación e o respecto para motivar aos nenos e nenas a querer avanzar. O programa está organizado polo Concello de Boqueixón, en colaboración coa Dirección Xeral de Saúde Pública.