Friday 22 de November de 2024

Camariñas organiza o I ciclo de conferencias: ‘a investigación con perspectiva de xénero’


· Levarase a cabo o venres, 26 de novembro, no Museo do Encaixe dentro da programación polo Día Internacional Contra a Violencia de Xénero.

· Durante toda a tarde haberá diferentes relatorios divididos en dúas temáticas: ‘Saúde con perspectiva de xénero’ e ‘sexualidade con perspectiva de xénero’.

· A poeta Lúa Mosquetera pechará o ciclo cun recital de poesía feminista.

O Concello de Camariñas, coa colaboración da Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña e o Máster Universitario Oficial en Políticas Sociais e Intervención Comunitaria, organiza para o venres, 26 de novembro, o I ciclo de conferencias: ‘a investigación con perspectiva de xénero’.

O ciclo, que se enmarca dentro da programación municipal impulsada polo departamento de Igualdade do Concello de Camariñas para conmemorar o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, celebrarase en horario de tarde no Museo do Encaixe. A entrada é de balde ata completar o aforo permitido.

A inauguración terá lugar ás 16 horas e correrá a cargo de Raquel Martínez-Buján, decana da Facultade de Socioloxía da UDC, que falará sobre ‘A importancia da produción científica con perspectiva de xénero’. Ás 16:15 comezará a primeira das mesas deste ciclo, centrada na ‘Saúde con perspectiva de xénero’, e na que participarán Silvia Miragaya, terapeuta ocupacional; Raquel Veiga-Seijo, enfermeira, podóloga e doutoranda no departamento de Ciencias da Saúde; e Rocio Ferreira Marante, terapeuta ocupacional. A segunda mesa comezará ás 17:45 horas e nela Tatiana Palmeiro Ojeros, socióloga; Cecilia Diéguez Fociños, sociologa; e Noelia Teijeiro-Cal, socióloga e técnica de igualdade municipal, falarán sobre diferentes aspectos da ‘Sexualidade con perspectiva de xénero’.

Entre as dúas mesas de debate haberá un pequeno descanso no que se aproveitará para presentar o vídeo ‘Emprendedoras e bravas: mulleres de Camariñas’.

Recital de poesía feminista

A poeta Lúa Mosquetera será a encargada de pechar o ciclo de conferencias cun recital de poesía feminista que comezará a partir das 19 horas. Lúa Mosquetera (Miño, 1988). Graduada en Lingua e Literatura Galegas e actual campioa da Poetry Slam de Compostela. Dous poemarios publicados, ambos autoeditados: “Rasrás”(2018) e “Aunque seas rara y seas pájaro” (2020). Cre na poesía como ferramenta e nas verbas como arma contra os imbéciles.