Friday 22 de November de 2024

A Pobra volve apostar polo concurso de embelecemento de balcóns e fachadas para o Nadal


A Pobra do Caramiñal comeza a quecer motores cara á época do Nadal coa segunda edición do Concurso de Embelecemento de Balcóns e Fachadas que convoca a Concellaría da Promoción Económica. Trátase dunha proposta extensiva a todo o municipio -Santa María a Antiga do Caramiñal, Santiago do Deán, Santo Isidro de Posmarcos, Santa Cruz de Lesón e Santa María do Xobre- coa cal se pretende incentiva-la participación da veciñanza na ornamentación dos seus balcóns e fachadas, contribuíndo a incrementa-lo carácter vistoso das rúas nunhas datas tan sinaladas.

Segundo manifestou a concelleira da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra), trátase “de participar para facer este Nadal máis máxico.” Neste senso, a técnica municipal, Sara Sánchez, indicou que se quere así “achega-lo Nadal a todo o concello.”

Agárdase supera-las 35 inscricións acadadas na pasada convocatoria. Establécese un premio por cada parroquia, consistente nunha cesta do Nadal valorada en 300 euros e composta de produto local, contribuíndo así á dinamización e posta en valor do comercio de proximidade.

As bases completas están ó dispor na páxina web www.apobra.gal e as solicitudes de inscrición serán remitidas ó correo electrónico turismoecomerciodapobra@gmail.com ou chamando ó teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2035. Indicarase o nome e o documento de identidade da persoa participante, o enderezo do balcón, fiestra ou fachada e o número de teléfono. A data límite para se anotar é no 30 de novembro. O prazo para a ornamentación será de 6 días e a decoración deberá permanecer durante o período comprendido entre o día 6 de decembro e 6 de xaneiro -ámbolos dous incluídos-. A temática deberá ter relación directa co Nadal e os elementos para empregar deixaranse á libre elección da veciñanza.

As persoas inscritas deberán remitir polo referido correo electrónico dúas fotografías, acompañadas do seu enderezo. O resultado do certame darase a coñecer no 22 de decembro.