Friday 22 de November de 2024

Anxo M. Lorenzo salienta o valor domáis de medio cento de iniciativas culturais e académicas que este ano están a divulgar o legado de Xela Arias


— O secretario xeral de Cultura participa no simposio que a Real Academia Galega organiza estes días co apoio da Xunta sobre a homenaxeada das Letras Galegas 2021

— Refírese ás propostas educativas, literarias, expositivas, deportivas, promocionais e mesmo musicais e escénicas sobre a autora que percorreron Galicia este ano

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe no Simposio Xela Arias, que organiza estes días a Real Academia Galega (RAG) co apoio da Xunta, onde fixo balance de todas as iniciativas culturais e académicas que se están levando a cabo durante este ano para “manter na memoria e divulgar entre os máis novos a voz poética e creadora dunha escritora indispensable da literatura galega, homenaxeada nas Letras Galegas 2021”, expresou.

Na súa opinión, estender as homenaxes máis alá do Día das Letras galegas é un “acerto para seguir afondando desde distintos campos temáticos tamén na súa contribución á tradución, edición e diálogo con outras artes”. O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou o compromiso da Xunta, que colaborou durante este ano con máis de medio cento de iniciativas que abranquen propostas tanto no eido literario, expositivo, educativo, deportivo, promocional, musical e escénico, entre outros.

Fixo balance e recordou que este foi un ano “especial”, moi condicionado pola pandemia, no que todas as institucións foron capaces de “manter unha programación das Letras Galegas adaptada ás circunstancias e descentralizando a actividade para chegar a máis puntos de Galicia ”. Neste sentido, recordou as exposicións itinerantes que está a levar a cabo a Xunta en distintas cidades e vilas galegas, así como relatorios, conferencias, certames, simposios…

Agradeceu á RAG a posta en marcha do congreso que se está a celebrar desde o día 11 na Coruña. Tras a sesión de hoxe, continuará o día 25 e poderá seguirse en directo a través da súa páxina web . Durante o acto, tívose un recordo especial ao escritor e académico Darío Xoán Cabana, finado no día de onte, ao que se referiron como un “home comprometido coa cultura e a lingua galegas en todas as súas facetas”.