Friday 22 de November de 2024

O Concello de Padrón abre o concurso de decoración “Nadal na rúa” a colexios e asociacións sen ánimo de lucro


Deberán anotarse na Oficina de Turismo antes do 1 de decembro

O Concello de Padrón vén de aprobar unha modificación das bases do “Nadal na rúa”, un concurso de decoración de nadal de balcóns, fiestras, escaparates, fachadas, xardíns e todo tipo de elementos exteriores e visibles dende a rúa de todo o municipio padronés. Se o certame estaba ata o de agora aberto tanto a particulares como a empresas, coa nova modificación tamén poderán participar asociacións sen ánimo de lucro, colectivos, entidades culturais ou centros educativos de Padrón. Iso si, todos os que desexen participar deberán anotarse de forma gratuíta na Oficina de Turismo de Padrón antes do 1 de decembro.

Este cambio supón crear unha nova categoría no certame: particulares, empresas e colexios/entidades sen ánimo de lucro; así como sumar un premio máis: 400 euros para a empresa gañadora, 250 euros para a decoración particular de casas, 150 euros para a decoración particular de pisos e 200 euros para asociacións sen ánimo de lucro, colectivos, entidades culturais ou centros educativos. As contías dos premios deberán ser gastadas no comercio e na hostalería local antes do 30 de xaneiro de 2022.

Participación

O resto continúa igual. Para poder participar, as creacións deberán ser visibles dende a vía público dende o 10 de decembro de 2021 ao 6 de xaneiro de 2022, ambas as dúas datas incluídas. As persoas participantes deberán enviar 2 fotografías da decoración, unha de día e outra de noite, a turismo@padron.gal antes do 10 de decembro. Iso si, as creatividades non poderán nin interromper a actividade cotiá, nin ocupar a vía pública nin causar perigo ás persoas ou bens.

O xurado valorará especialmente a creatividade na ornamentación, a inclusión de elementos de identidade local e o emprego de materiais de refugallos ou eco-sostibles. Os seus compoñentes pasarán polas vivendas e establecementos participantes o día 16 de decembro para facer a valoración.