Friday 22 de November de 2024

Cambre conta xa con dous bambáns específicos para nenos con minusvalidez


O Concello de Cambre conta a partir de hoxe con dous bambáns adaptados para nenos con minusvalidez, un no parque situado no paseo marítimo do Tempero, e outro no parque de Francisco Rodríguez. A iniciativa xurdiu a raíz da petición de varios pais con fillos que sofren parálise cerebral e que ata o momento non podían facer uso dos actuais bambáns adaptados. Estes pais solicitaron un bambán especial para os seus fillos puideran gozar como os demais nenos destes parques. O concello de Cambre xa contaba con bambáns adaptados, pero unicamente os podían utilizar pequenos con mobilidade reducida. Agora, grazas á instalación destes dous novos asentos, os pequenos con parálise cerebral ou outras afeccións similares poderán facer uso destes bambáns grazas a un asento que permite a utilización dun sistema de cinchas coas que están perfectamente suxeitos. Esta mañá o alcalde de Cambre, Manuel Rivas, acompañado do edil de Obras, Manuel Marante, e da concelleira de Servizos Sociais, María Jesús González, comprobaron a eficacia dos novos bambáns ante a presenza de Paula Faro, e da súa filla Lola, que sofre parálise cerebral e que non podía facer uso ata agora do bambán. “É importante que estes nenos como Lola poidan gozar dos parques públicos. Había un impedimento para eles e hoxe emendámolo”, apuntou Rivas, que acompañou á pequena Lola a probar o novo asento. Dende o goberno local aclaran que calquera persoa que precise dun arnés para a utilización deste bambán, se lle facilitará dende o Concello logo de solicitude e comprobación da súa necesidade no departamento de Servizos Sociais.