Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas convocan o IV Premio Laudamuco para Textos Teatrais 2022


Poden optar ao galardón teatral de maior dotación económica en Galicia (7.000€ e edición da obra) autores/as que presenten unha obra dramática inédita en galego antes do 11 de febreiro de 2022

O Concello de Brión, en colaboración coa Academia Galega de Teatro e Edicións Positiva, convoca o IV Premio Laudamuco para Textos Teatrais 2022, o galardón teatral de maior dotación económica en Galicia: 7.000 euros e edición da obra gañadora a cargo de Edicións Positivas. O alcalde brionés, Pablo Lago, explica que “coa convocatoria do Laudamuco pretendemos estimular e apoiar a creación dramática en galego e contribuír ao recoñecemento de Roberto Vidal Bolaño por todo o que representou e segue a representar na nosa cultura”.

De feito, o premio toma o seu nome en homenaxe a Laudamuco, señor de ningures, obra de Vidal Bolaño estreada o 16 de maio de 1978 e que está considerada como o inicio da singradura profesional do teatro galego. Poderán optar ao galardón todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten unha obra dramática inédita e nunca antes premiada, sempre que estea escrita en lingua galega. O tema e a extensión da obra será libre e o prazo de admisión de orixinais rematará o 11 de febreiro de 2022.

Presentación de orixinais

De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite dirixido á Casa da Cultura de Brión (Carballeira de Santa Minia nº 5, C.P. 15865, Brión. A Coruña). Deberase indicar no exterior do sobre “IV Premio Laudamuco para Textos Teatrais, 2022”. Nun sobre anexo pechado deberá figurar o lema (no exterior) e no interior os datos persoais da autora ou autor: nome, apelidos, DNI, enderezo postal, número de teléfono, correo electrónico e currículo da autora ou autor.

O xurado do premio estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte teatral, proposto pola Academia Galega de Teatro. Actuará como secretario/a a persoa elixida por maioría entre os membros integrantes. Na proposta de resolución do xurado haberá unha única obra gañadora. Unha vez emitida a súa resolución, procederase á apertura da plica gañadora nun acto público que terá lugar na terceira semana do mes de abril. O veredicto do xurado, que poderá declarar deserto o premio, será inapelable.

A entrega do IV Premio Laudamuco terá lugar o 16 de maio de 2022, no transcurso dun acto organizado polo Concello de Brión co gallo do 43 aniversario da posta en escena de Laudamuco, señor de ningures. Trala entrega e aceptación do premio, a Academia Galega de Teatro resérvase o dereito de facer unha lectura dramatizada do texto sen que iso supoña compensación económica para o/a autor/a premiado/a.

Os orixinais non premiados poderán ser retirados das dependencias da Casa da Cultura de Brión no prazo de 30 días naturais a partir do seguinte da decisión do xurado. Aqueles orixinais que non sexan retirados serán destruídos.

Nas súas tres primeiras edicións, o galardón recaeu no lucense Xavier Lama López por “Na miña alma ouvea un lobo” (2019), no coruñés Raúl Dans Mayor por “Só un home bo” (2020) e no ribeirense Francisco Antonio Vidal Blanco por “A vinganza de Fortimbrás” (2021).