Saturday 16 de November de 2024

Trenor traslada ao alcalde de Pobra do Caramiñal un convenio para a mellora integral do Centro de Saúde


— O proxecto ten un orzamento de máis de 45.000 euros e sería financiado a partes iguais pola Xunta e polo Concello ao tratarse dun edificio de titularidade municipal

— A Xunta de Galicia foi a encargada de elaborar a proposta de acordo para executar a obra que hoxe se lle presentou ao rexedor

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse esta mañá co alcalde de Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, para presentarlle unha proposta de convenio que permitiría levar a cabo unha mellora integral do centro de saúde deste concello.

O orzamento previsto é de algo máis de 45.000 euros e sería financiado a partes iguais pola Xunta e polo Goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal. Pola súa parte, o Concello será o encargado de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción do documento técnico necesario para a execución das obras, licitación e execución das mesmas.

A Xunta de Galicia elaborou a proposta de convenio que hoxe se lle presentou ao rexedor, tras o informe das necesidades do edificio presentado polo Concello. O Goberno galego coordinaríase co Concello para non interromper a prestación sanitaria durante o desenvolvemento das mesmas, garantindo en todo momento a calidade asistencial dos veciños asignados a este centro.

O delegado da Xunta repasou co alcalde o informe no que se reflexa a necesidade de levar a cabo esta actuación porque o edificio require dunha serie de actuacións para o acondicionamento e melloras das súas instalacións que se foron deteriorando co paso do tempo.

O delegado da Xunta de Galicia entregou o convenio no que se recollen as obras de reforma que se realizaran consistentes na reforma dos baños da planta baixa e na colocación dos pratos de ducha da planta alta; a colocación de placa de xeso; a pintura de todo o interior do edificio; o encinte da fachada; a substitución das ventás e a reforma da zona de consultas para organizar de forma óptima a prestación do servizo sanitario.

O representante do Goberno galego puxo en valor este investimento para mellorar a calidade asistencial do centro de saúde e para facilitar o seu uso por parte dos veciños e destacou o esforzo inversor por parte da Xunta para acondicionar o edificio municipal no que se presta o servizo sanitario aos veciños da Pobra.