Saturday 23 de November de 2024

San Sadurniño colleita tres Flores de Honra no certame Vilas en Flor


Na comarca tamén lograron tres galardóns os concellos de Fene e Narón, mentres que Pontedeume obtivo dúas Flores de Honra e Ortigueira unha

Esta mañá almorzamos coa boa nova de que o Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal foi elixido pola Comisión Nacional de Cooperación coa UNESCO como unha das dúas candidaturas estatais que optará en 2022 a facerse co distintivo Global Geopark, similar en relevancia a un Patrimonio da Humanidade. Porén, mentres se facía pública a designación, o alcalde e o concelleiro de Desenvolvemento local asistían en Allariz ao acto de entrega das Flores de Honra do certame Vilas en Flor, promovido pola Fundación Juana de Vega. Unha cerimonia na que se produciu para nós a segunda boa noticia da xornada, xa que San Sadurniño logrou no concurso un total de tres distincións como recoñecemento do seu compromiso coa paisaxe e a aposta polos espazos verdes como parte fundamental da calidade de vida.

Na valoración do xurado destácase que o noso concello ten “unha proporción de espazos verdes moi alta”, ademais de sinalar o elevado investimento dedicado “ao mantemento e a conservación” deses espazos.

De acordo con esta cualificación xeral, o xurado do certame valorou, entre outras cuestións, a posta en valor dos xardíns municipais e a conservación das súas árbores singulares. Tamén cita “a aposta pola promoción da xardinaría no municipio”, referíndose en especial ao adecentamento de diversos espazos da zona urbana e á organización de eventos relacionados, como por exemplo a Feira da Plantación, a Feira Rural ou a proposta San Sadurniño en flor, que convida á veciñanza a decorar casas e xardíns con flores e plantas.

Os ítems reseñados polo xurado abranguen tamén o Arboreto de especies autóctonas e máis a Horta de Conservación da Cortiña, o plan de compostaxe caseira, as políticas de aforro enerxético e de redución da contaminación lumínica na iluminación pública, os coidados que se lles dán ás áreas recreativas e, por último, a construción dunha área de servizos para autocaravanas nas inmediacións do paseo fluvial.

Este era o segundo ano en que San Sadurniño participaba no certame Vilas en Flor, organizado pola Fundación Juana de Vega en colaboración coa Asociacion de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar). En 2020 o Concello obtivo unha Flor de Honra -o máximo son cinco- e na presente edición logrou un total de tres distincións.

“É un salto importante, de unha a tres Flores de Honra no segundo ano en que participamos. Iso quere dicir que algo debemos estar facendo ben”, comentaba esta mañá o concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela, exultante despois de que o alcalde, Secundino García, recibise en Allariz o diploma acreditativo. García Casal tamén se mostrou satisfeito co recoñecemento: “temos un territorio espectacular que desde o Concello tentamos ter sempre o mellor posible para que toda a veciñanza disfrute del e tamén para atraer visitantes. Este premio confirma que imos na dirección correcta, aínda que sempre haxa cousas que mellorar, e confirma tamén que á xente de San Sadurniño lle gusta telo todo ben coidado. Este é un recoñecemento que recibe o Concello, pero que é compartido con todas as veciñas e veciños”.

Nesta edición de Vilas en Flor participaron unha trintena de municipios galegos, a máis elevada desde que botou a andar o certame hai catro anos. A comarca de Ferrolterra foi das máis galardoadas. Canda San Sadurniño tamén recibiron tres Flores de Honra os concellos de Fene e Narón, mentres que Pontedeume colleitou dúas e Ortigueira unha. No “top” de Galicia situáronse os municipios de Allariz e o de Chantada, con catro Flores de Honra cada un.

Satisfacción tamén pola candidatura do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal
Secundino García e Manolo Varela -un como alcalde e o outro como responsable municipal de Desenvolvemento local e Turismo- tamén expresaron o seu contento coa noticia feita pública esta mañá da designación do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal como unha das dúas candidaturas do Estado que optarán en 2022 a conseguir a certificación da UNESCO como Xeoparque Mundial.

“É unha boísima noticia que avala o traballo desenvolvido nos últimos seis anos polos sete concellos que estamos promovendo este proxecto, proposto en orixe pola Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal e polo xeólogo Fran Canosa. Eles xa levaban tempo traballando nesta idea e en 2015 propuxéronnos apostar por un proxecto que podía ser moi beneficioso para o coñecemento e o desenvolvemento socioeconómico do noso territorio”, dixo Secundino García.

O alcalde indicou, porén, que “agora temos que poñernos as pilas. Temos por diante meses de moito traballo para aplicar no territorio todo o que está recollido na estratexia, onde hai cousas que xa están en marcha e outras que debemos poñer a andar xa mesmo se queremos que os avaliadores da UNESCO informen favorablemente sobre o traballo feito”.

Pola súa banda, Manolo Varela puntualizou que “é fundamental” lograr unha maior implicación do tecido social dos sete municipios que conforman o ámbito territorial do proxecto. “A xeoloxía única e exclusiva témola. Tamén temos un plan para poñela en valor e promover con ela un turismo e un desenvolvemento socioeconómico sustentables. Incluso temos 240.000 euros achegados pola Deputación e agardamos poder recibir arredor de 1,5 millóns dos fondos Next Generation para a posta en marcha do Plan de Sostenibilidade Turística en Destino. Todo é favorable, pero o fundamental é conseguir que a xente dos sete concellos sinta o proxecto como propio e que o futuro xeoparque sexa un verdadeiro motor para o desenvolvemento do territorio. É unha oportunidade que non podemos deixar pasar”.