Monday 25 de November de 2024

A Coruña e Vigo demandan un maior financiamento e a xestión directa de fondos europeos


Inés Rey e Abel Caballero comprométense a fortalecer a relación entre A Coruña e Vigo como motores económicos da comunidade

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantiveron hoxe en Vigo un encontro institucional no que acordaron demandarlles conxuntamente ao Goberno central e á Xunta unha maior autonomía financeira para as grandes cidades.

Abel Caballero destacou que xa existe un compromiso do Ministerio de Facenda para a reforma do sistema de financiamento e pediulle á Xunta que incremente a súa achega ás cidades. A alcaldesa da Coruña reiterou a necesidade de que as grandes cidades conten con máis fondos e lembrou que a factura COVID do Concello supera os 30 millóns de euros sen que a Xunta lle ingresase un só euro.
Ambos os concellos demandaron ser receptores directos de fondos europeos para desenvolver os proxectos transformadores de cidade en materia de sostibilidade e innovación que están a levar a cabo e advertíronlle á Xunta que “non valen accións que saquen do medio as grandes cidades” . Lembraron que a dia de hoxe a Xunta non sacou nin unha soa convocatoria de fondos europeos. “Hai que superar este tipo de situacións para que as administracións municipais poidamos dar esa resposta rápida e eficaz que xa demos, por exemplo, na pandemia”, afirmou Inés Rey.

Relación entre as urbes
Ambos os rexedores comprometéronse a incrementar a colaboración entre as dúas cidades e lembraron que as áreas da Coruña e Vigo concentran o 30% do PIB da comunidade e máis dun millón de habitantes. Ambas as administracións demandaron conxuntamente melloras nas conexións ferroviarias entre Vigo e A Coruña e maior apoio da Xunta aos aeroportos de Alvedro e Peinador. “Debemos cooperar e traballar en común. Non só polas nosas cidades, senón polo conxunto de Galicia”, concluiu Inés Rey.