O executivo solicítalle á Xunta celeridade na declaración do inmoble como BIC para a súa apertura ás visitas
O Goberno municipal está a ultimar os informes xurídicos precisos para presentar a demanda xudicial para reclamar a titularidade pública da Casa Cornide. Desde o Concello estase a realizar un traballo xurídico exhaustivo co fin de contar coas garantías precisas durante o proceso.
Así o explicou esta mañá o primeiro tenente de alcalde, Juan Ignacio Borrego, quen presidiu o Consello Municipal da Memoria Democrática. O obxectivo do Goberno, indicou, é presentar a demanda antes do 31 de decembro deste ano.
O concelleiro pediulle á Xunta celeridade no trámite impulsado polo Goberno de Inés Rey para declarar BIC o dito inmoble, declaración que serviría tamén para reforzar xuridicamente o proceso. Esta semana cumpriuse un ano desde que o Parlamento galego aprobara, por unanimidade, axilizar os trámites para a dita declaración, que aínda non se concretou.
A declaración como BIC, explicou o concelleiro, permitiría abrir as portas do edificio ás visitas independentemente da reclamación sobre a titularidade, como aconteceu no seu día co Pazo de Meirás, proceso no que tamén compareceu o Concello da Coruña e que culminou coa súa incorporación ao patrimonio público.
O Consello deulles conta aos grupos dos informes elaborados a instancias do executivo local para recuperar o inmoble para o patrimonio local. Ademais, deuse conta tamén dos informes sobre propostas de modificación do rueiro para a retirada de nomes franquistas do espazo público. Borrego indicou que o Concello cumprirá escrupulosamente a Ley de memoria histórica (actualmente en trámites para a súa actualización). Con dito fin, o Concello encargará un informe xurídico para garantir que todas as propostas que se debatan cumpran coa devandita lei.
O Goberno municipal xa lles entregou aos grupos a Memoria realizada polo Instituto José Cornide sobre esta materia, un documento que, malia non estar aínda referendado polo Pleno da institución, achega relevante información sobre o rueiro coruñés.
Finalmente, Juan Ignacio Borrego explicou tamén as accións levadas a cabo desde o Concello na recuperación da memoria histórica. O Concello ten subscrito convenios nominativos con catro entidades que traballan no mencionado campo, por un valor total de 60.000 euros. En total, o Concello dedicou 125.000 euros a accións vinculadas coa recuperación da memoria histórica, colaborando na publicación de libros, organización de exposicións, e poñendo en marcha a primeiro Punto de Atención ás Vítimas do Franquismo, en colaboración coa Cátedra de Memoria Histórica da UDC, sufragada tamén con fondos municipais, e que ademais da atención ás vítimas tamén organizou diversos congresos e exposicións desde a súa posta en marcha.