Ángeles Vázquez invita aos municipios a sumarse á nova filosofía do Goberno galego, o fermosismo, que no vindeiro ano recibirá un novo pulo grazas ao orzamento do Instituto de Estudos do Territorio que se incrementa nun 53%, ata chegar aos 5,6 M€
A Xunta de Galicia felicita aos 30 concellos que recibiron esta mañá o premio Vilas en Flor, o que se traduce nun recoñecemento internacional do potencial da biodiversidade e da riqueza paisaxística no seu territorio. Trátase dunha iniciativa posta en marcha pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveristas de Galicia (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), apoiado pola Xunta de Galicia, para distinguir os espazos verdes cos municipios galegos.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta mañá na entrega dos Vilas en Flor- aos que a Xunta achega 12.100 euros-, e destacou que a concesión deste galardón é unha mostra do seu compromiso e esforzo por poñer en valor, non só os espazos naturais, senón tamén unha das peculiaridades máis identificativas de Galicia, como é a paisaxe.
Indicou que protexela, conservala e coidala é unha obriga e responsabilidade das administracións públicas, polo que a Xunta non aforrará esforzos para que o 100% dos concellos galegos se sumen á nova filosofía impulsada polo Goberno galego: o fermosismo. Explicou que neste reto o Instituto de Estudos do Territorio (IET) terá un papel importante no vindeiro exercicio, no que disporá dun 53% máis de orzamento –ata chegar aos 5,6 millóns de euros-.
Vázquez Mejuto avanzou que estes recursos servirán para continuar, entre o outras iniciativas, co desenvolvemento da Estratexia da Paisaxe Galega (2021-2024), en base á que se elaboran as guías de boas prácticas (na actualidade xa son 11 as publicadas e ás que se sumarán a de instalacións portuarias, cartelería ou parques empresariais); o proxecto A paisaxe galega desde a bicicleta, para coñecer as paisaxes galegas sobre dúas rodas; ou o Pacto pola paisaxe da Ribeira Sacra, con actuacións que mellorarán moitos puntos da recentemente declarada Reserva da Biosfera.