Saturday 23 de November de 2024

A Deputación achega 137.250 euros á investigación a través de 18 bolsas para titulados universitarios


As axudas distribúense en cinco grupos, segundo a área na que se atope o traballo investigador

O Boletín Oficial da Provincia publica a convocatoria de bolsas de investigación 2015 que concede a Deputación da Coruña a titulados universitarios que pretenden desenvolver un traballo investigador de, polo menos, nove meses de duración. En total, a institución provincial reserva para esta convocatoria 137.250 euros que se distribuirán en 18 asignacións de 7.625 euros cada unha.

Para a área de Ciencias haberá catro bolsas, outras tres para as Ciencias Sociais e Xurídicas e catro máis para as Ciencias da Saúde. Respecto á Enxeñería e Arquitectura ofrécense dúas axudas e ata cinco na área de Artes e Humanidades.

Os interesados en solicitar calquera delas poden comezar a facelo de xeito telemático dende as 00.00 horas do 10 de marzo e ata as 14.00 horas do 10 de abril. A Deputación publicará na súa web e no taboleiro de anuncios a relación dos admitidos e excluídos, que disporán de 10 días para reclamar.

As bolsas abonaranse en dous prazos, o primeiro do 75% da contía (5.718,75 euros) tras aceptar a bolsa, e o 25% restante (1.906,25 euros) despois da presentación da memoria final da investigación levada a cabo.

Poden consultarse as bases completas da convocatoria no BOP.