Friday 22 de November de 2024

A Xunta colabora co concello de Frades na construción dun novo parque infantil cuberto na parroquia de Abellá


― A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe os traballos financiados no marco da Orde de Infraestruturas de uso público cunha axuda de 40.000 euros

― A través desta liña de axudas, o Goberno galego inviste na convocatoria deste ano 4M€ para 125 actuacións relacionadas coa dotación de equipamento e a mellora das instalacións destinadas á prestación de servizos municipais

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe os traballos para construír un novo parque infantil cuberto na parroquia de Abellá do concello de Frades, unha actuación na que a Xunta colabora cunha achega de 40.000 euros no marco da Orde de Infraestruturas de uso público.

Natalia Prieto detallou que, con esta actuación, preténdese a mellora dos espazos de ocio para a cativada e que conten dun lugar con xogos de calidade e seguro do que poidan desfrutar durante todo o ano pese ás inclemencias meteorolóxicas.

A creación de novos parques infantís e a mellora das existentes é unha das actuacións financiadas no marco da Orde de Infraestruturas de uso público, a través da que o Goberno galego colabora tamén coas entidades locais na construción ou melloras nos edificios ou dependencias municipais, na pavimentación de camiños públicos, na posta en marcha e acondicionamento de instalacións deportivas municipais ou na renovación do alumeado público. En definitiva, na creación ou renovación das instalacións ou equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais nos concellos de menos de 30.000 habitantes.

Na convocatoria actual desta liña de axudas, a Xunta investiu 4 millóns de euros para financiar 125 proxectos como o que visitou hoxe a directora xeral de Administración Local. O investimento da Xunta desde 2009 na Orde de Infraestruturas de uso público supera os 40,6 millóns de euros e permitiu executar máis de 1.300 iniciativas dos concellos galegos coas que mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Entre esta liña de axudas e o Fondo de Compensación Ambiental (FCA) co que se financian melloras ambientais nos municipios galegos, a Xunta destinou nos últimos anos máis de 149 millóns de euros a 3.681 proxectos co obxectivo de contribuír a mellorar a calidade de vida da veciñanza. Ambas ordes supuxeron no concello de Frades case 745.000 euros tanto en melloras ambientais como de infraestruturas.

Por iso, a directora xeral de Administración Local incidiu na importancia da colaboración entre a Xunta e as entidades locais en proxectos que redunden no benestar da cidadanía. Do mesmo xeito, sinalou a necesidade de que os propios concellos cooperen entre eles para ser máis eficientes compartindo servizos ou optando de forma conxunta ás liñas de axudas da Xunta. É o caso de Frades que nos últimos anos foi beneficiario xunto co concello de Mesía de varias axudas do Fondo de Compensación Ambiental para a recuperación, conservación e protección do medio ambiente en ambos municipios.

Na convocatoria deste ano do FCA tamén presentou solicitude conxunta, neste caso con Ordes, para sufragar os gastos de funcionamento do servizo de protección do ambiente e do espazo natural nos dous concellos, que a Xunta apoiou con 35.400 euros, destinados ademais ao reforzo do seu equipamento cun novo vehículo todocamiño híbrido con distintivo ambiental ECO.

Ademais, a Mancomunidade da Comarca de Ordes, da que forma parte Frades con Cerdeda, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo, foi galardoada en varias edicións dos Premios Coopera por iniciativas conxuntas para aplicar nesta comarca.