Friday 22 de November de 2024

O Centro Dramático Galego e a Fundación Rogelio Groba estrean ” O Neno Groba e Música” este venres en Oleiros


— A coprodución dirixida e interpretada por Ramiro Neira represéntase no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera, ás 20,30 horas

— A peza ofrece unha viaxe polas vivencias do compositor e director ponteareán, desde a súa primeira infancia

— A iniciativa enmárcase na aposta da unidade teatral da Xunta pola colaboración cos distintos axentes do sector e a descentralización da súa programación para dinamizar a actividade escénica e crear público en todo o territorio

O Centro Dramático Galego (CDG), unidade de produción teatral da Xunta de Galicia, e a Fundación Rogelio Groba estrean este venres a coprodución O neno Groba e Música, dirixida e interpretada por Ramiro Neira. A representación terá lugar no Auditorio Gabriel García Márquez ás 20,30 horas e as entradas poranse á venda o mesmo día unha hora antes, ata completar a cabida da sala.

A peza baséase no audio-libro do mesmo título escrito pola guionista Lidia Fraga e ilustrado por Julio Seijas. Trátase dun espectáculo familiar que ofrece unha viaxe polas vivencias do compositor e director ponteareán Rogelio Groba, desde a primeira infancia ata a súa volta ao lugar natal, para transportarnos á Galicia máxica onde comezou a súa vocación musical e onde, anos despois, volveu atopar a pequena Música xunto con “todos aqueles sons que tanto amaba”. A montaxe conta coa colaboración do concello de Oleiros e da Orquestra de Cámara Galega.

Rogelio Groba naceu en 1930 en Guláns (Ponteareas). Os seus primeiros contactos coa música foron na banda do lugar, A Unión, onde comezou tocando o flautín antes de facerse cargo, con 17 anos, da dirección. Estudou no Real Conservatorio de Música de Madrid e exerceu como director de banda en diversos puntos da xeografía galega e española. Tras residir en Suíza na década dos sesenta, onde tamén dirixiu numerosas agrupacións musicais, regresa a España e desde 1990 se dedica só á creatividade musical, eido no que obtivo numerosos recoñecementos.

Dinamización e descentralización escénica
O neno Groba e Música forma parte das coproducións programadas para este ano polo CDG no marco da súa aposta por reforzar a colaboración cos distintos axentes do sector teatral de Galicia e pola descentralización da súa programación. Trátase así de promover e dinamizar a actividade escénica e a creación de público en todo o territorio galego. Ademais, con esta peza, a compañía institucional achégase a unha audiencia infantil e familiar, e fomenta o diálogo entre escena e música.