Saturday 16 de November de 2024

A Xunta desaca o papel das Rutas Xacobeas como escaparate da enogastronomía galega


― A directora de Turismo de Galicia participou no acto de apertura do “I Congreso Internacional A Gastronomía no Camiño”, impulsado pola Orde do Camiño de Santiago

― O encontro celébrase hoxe e mañá en Santiago de Compostela e Melide para impulsar o recoñecemento do papel da gastronomía nos Camiños de Santiago e a necesidade de impulsar prácticas sustentables na restauración dos Camiños

A diversidade e calidade da enogastronomía galega, o papel do Camiño de Santiago como escaparate desta riqueza e difusor das bondades gastronómicas de Galicia, así como a necesidade de avanzar na implantación de boas prácticas gastronómicas nas rutas de peregrinación centraron a intervención da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na súa participación da apertura do I Congreso Internacional da Gastronomía no Camiño, que se celebra hoxe e mañá en diferentes puntos do Camiño de Santiago.

No acto, no que estivo acompañada por representantes da Orde do Camiño de Santiago, impulsora do Congreso, e autoridades de Arxentina, país convidado ao Congreso, Nava Castro destacou que o Camiño de Santiago “como embaixador de Galicia no mundo e como nosa mellor carta de presentación, xoga un papel fundamental na imaxe de Galicia no mundo” e que a gastronomía galega “é fundamental na promoción turística”. De aí a necesidade de “coidar este escaparate que é en boa maneira o Camiño e que permite ensinar o mellor de nós mesmo ao mundo enteiro”, afirmou.

No congreso tamén houbo espazo para falar de iniciativas e boas prácticas nas rutas de peregrinación que se están poñendo en marcha como o proxecto da Xunta Écociña no Camiño, co obxectivo de impulsar prácticas sostibles na restauración do Camiño.

A primeira edición do encontro, que rematará mañá en Melide, inclúe relatorios, mesas redondas e visitas guiadas a diferentes emprazamentos vencellados co Camiño e cos nosos recursos enogastronómicos, o que permitirá aos participantes achegarse ao Camiño desde un punto de vista diferente, complementado así a experiencia.