― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou na inauguración dun evento que se celebra por primeira vez en Vigo de forma presencial
― Alfonso Rueda dixo que o foro supón “o punto de partida” para a recuperación da economía do mar e para o desenvolvemento da economía azul
― A Eurorrexión confía nos fondos Next Generation para mellorar sinerxías conxuntas entre Galicia e o norte de Portugal
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe o foro Business2Sea como exemplo de colaboración transfronteiriza para desenvolver intereses comúns na economía do mar entre Galicia e o norte de Portugal.
Na inauguración do foro internacional impulsado para facilitar a interacción entre todos os axentes involucrados na economía do mar, Alfonso Rueda animou a que a XI edición, a primeira que se celebra en Vigo de forma presencial, sexa “o punto de partida” para a recuperación da economía do mar e para o desenvolvemento da economía azul.
O vicepresidente primeiro animou aos organizadores do encontro -Fórum Oceano e o Centro Tecnolóxico do Mar- a sacar proveito dos retos que se lles presentan tanto a Galicia como ao norte de Portugal. Recordou que tanto a acuicultura como as industrias transformadoras do mar e a pesca tradicional son unha fonte importante de emprego, xa que na Unión Europea, a economía azul proporciona 4,5 millóns de empregos directos.
Alfonso Rueda chamou a atención tamén sobre os intereses comúns: “Galicia e o norte de Portugal comparten moito máis que territorio, comparten océano, intereses pesqueiros e unha cultura mariña que terá que facer fronte a tempos de cambios”. Nese sentido, asegurou o compromiso da Xunta na defensa deses intereses conxuntos tanto no que se refire ao brexit como ás relacións con terceiros países que poidan afectar ao sector pesqueiro e ás industrias derivadas do mar.
Por outra banda, Rueda animou a facer uso das oportunidades que ofrecen os fondos europeos e, nese sentido, chamou a atención sobre o traballo levado a cabo nos últimos anos, nos que a Eurorrexión captou da Unión Europea 163 millóns de euros para a posta en marcha de 85 proxectos, sendo a área máis beneficiada da fronteira hispano-lusa. “Pero tamén temos a folla de ruta marcada para os vindeiros anos”, subliñou Alfonso Rueda en referencia aos 11 proxectos presentados pola Xunta aos fondos Next Generation, por valor de 29 millóns de euros, para mellorar sinerxías conxuntas entre Galicia e o norte de Portugal.
Alfonso Rueda chamou a atención sobre a celebración do Business2Sea en Vigo coincidindo co Xacobeo 21-22 e recordou que Galicia e Portugal comparten a segunda das rutas xacobeas máis transitadas polos peregrinos, a do Camiño Portugués. Aproveitando a recuperación do turismo internacional, animou aos presentes a camiñar a Santiago, “xa que as portas están abertas a todo o mundo”, asegurou.