A Mesa de Contratación do Concello de Moeche resolveu recentemente a adxudicación de dous contratos de obras acollidos ao POS+ provincial para a reparación de 10 pistas e camiños distribuídos polo territorio municipal. Na maioría dos casos trátase de repoñer o firme cunha nova capa asfáltica que solvente os desperfectos acumulados nos últimos anos, aproveitando ademais para limpar as gabias. Porén, en dúas das intervencións -na de Ramil e Canosa- os antigos camiños de saburra tamén se asfaltarán para darlles unha maior resistencia ao tránsito. Nestas obras investirase un montante total de 91.250 euros, IVE incluído, e con elas quedarán listos algo máis de 3,2 quilómetros da rede viaria municipal.
As reparacións licitáronse en dous procedementos administrativos distintos -que constan no Perfil de Contratante do Concello-, un co título “Pavimentación dos camiños de Pradochao, San Xurxo, Ponte do Sur e Vigo” e outro proxectado coa denominación “Pavimentación dos camiños en Abade, San Ramón, Balocos e Ramil”.
Do primeiro deles ocuparase a construtora José No Mantiñán e Hijos cunha oferta de 44.316,42 euros -impostos incluídos- dirixidos á reparación da pista de Pradochao, en Abade (315 m) e outras tres en San Xurxo. Estas últimas son a do enlace da estrada provincial coa igrexa da parroquia -o camiño polo que os Irmandiños encaran o castelo na noite do asalto-, de 160 metros; o acceso á Área Recreativa de Soutogrande desde a DP-4901 (270 m) e, pechando o bloque de obras na zona, o arranxo do eixo entre Vigo e A Trémoa sobre unha distancia total de 300 metros dos cales 225 irán asfaltados e os 75 restantes con saburra.
O segundo proxecto conxunto abranguerá seis pistas das parroquias de San Xoán e Abade. A que cobre maior distancia -1.050 m.- é a que enlaza Balocos con Piñeiro, onde se prevé repoñer o firme completamente e limpar as gabias a fondo para garantir unha correcta drenaxe da base da pista, clave para a súa conservación. No lugar de San Ramón -tamén na parroquia de San Xoán- actuarase sobre un trazado de 275 metros, aínda que só cumprirá volver pavimentar a metade da estrada, posto que a outra metade se encontra en bo estado. Aínda así daráselle un repaso a ambas cunetas en todo o seu percorrido.
Na parroquia de Abade o plan de obras prevé reparar unha pista de 75 metros situada en Libureiro e outra en Valdixe, dividida no proxecto en tres tramos de 100 metros cada un. No caso dos traballos en Canosa -300 metros- botarase unha nova cobertura de asfalto, igual que nos arredor de 200 metros da pista de Ramil (San Xoán) que nestes momentos se sosteñen só con terra e saburra.
O Concello adxudicoulle estes traballos a Excavaciones Saavedra y López S.L. por un prezo de 46.935 euros, IVE incluído, co compromiso da empresa de executalos nun prazo máximo de 3 meses.
Ambos proxectos fináncianse con cargo ao POS+ da Deputación da Coruña e, segundo sinalaba esta mañá Beatriz Bascoy, “con eles queremos seguir avanzando na conservación e mellora da nosa rede de pistas e camiños”. A alcaldesa incide en que os programas de reparación se planifican de ano en ano “atendendo á dispoñibilidade orzamentaria e á colaboración doutras administracións, como son os plans provinciais ou o plan de camiños da AGADER”. A rexedora puntualizou que as intervencións viarias se deseñan “seguindo un programa obxectivo para actuar naqueles puntos que requiren as reparacións máis urxentes”.